Novas por contido

O venres 31 de xaneiro asistimos a dúas mesas de negociación nas que se trataron os seguintes asuntos: o modelo de concurso específico, a RPT de Educación e a RPT por sentenza xudicial. 

Na rolda aberta de intervencións fixemos moitas preguntas sobre concursos de traslados, procesos selectivos, carreira profesional, e moito máis. Porén, a directora xeral de Emprego Público, para variar, responde co que xa sabemos: se preguntamos cando van rematar un proceso, di que agora está en baremo provisional e despois virá o definitivo... Vaia novidade! Para iso non fai falla que diga nada!!! E así con todo…, non se sae de que están «analizando» e «valorando», e a previsión para todo é «proximamente».

  • Concurso específico

Vai ser unha tomadura de pelo, no sentido de que non queren regular a puntuación de cada mérito, e quedará ao que decidan as consellerías en cada convocatoria. Así van poder adaptar as bases das convocatorias segundo conveña en cada caso, para axustalas o máximo posible a unhas persoas funcionarias determinadas que queiran colocar nas prazas. Dende a CIG non podemos consentir que cada consellaría faga o seu “cortijo”, cremos que tampouco responde a unha administración seria e rigorosa.

Ademais, néganse a poñer un calendario para que as consellarías convoquen a cobertura dos máis de 800 postos de concurso específico, polo que veremos como seguen as comisións de servizos en fraude de lei, moitas delas con máis de 10 anos. 

Chama a atención que o borrador das bases que nos entregou a Dirección Xeral de Emprego Público inclúe que o tempo en comisións de servizos sexa puntuable, cando todas as persoas que se atopan ocupando prazas de concurso específico foron escollidas totalmente de xeito discrecional, sen atender a ningún tipo de criterio ou transparencia. Estas convocatorias deben ser o máis transparentes posibles e que garantan o dereito de tódalas persoas funcionarias a poderen acceder a este tipo de prazas en igualdade de condicións; máxime cando estas prazas son revisables ao cabo de 5 anos, polo que condiciona en gran medida a política en materia de persoal aos gobernos seguintes.

  • RPT de Educación

É unha modificación da RPT que foi discutida en xullo do ano pasado. Daquelas amortizaban 21 postos para crear 12. Agora deciden amortizar máis postos: son en total 28 os postos os que queren eliminar, a maioría de atención directa en centros, para crear 12, principalmente en servizos centrais. Insistimos en que hai que revisar as ratios, non danar a atención directa a menores, e engadir na RPT os postos creados. Con esta modificación de RPT queda patente a destrución de emprego público nun dos piares fundamentais de calquera sociedade de benestar como é a Educación.

  • RPT de sentenzas

Modifican 4 postos por sentenza xudicial. Lembramos que hai máis sentenzas, e teñen que cumprilas todas.

  • Rolda aberta de intervencións 

Solicitámoslle as seguintes informacións á directora xeral de Emprego Público, e velaquí tes o que respondeu:

  • Concursos de traslados: preguntamos pola previsión de tomas de posesión dos que están convocados, e a previsión de convocatoria e finalización dos pendentes de convocar.
    Resposta: di que publicaron a acreditación de méritos e a elección de postos para arquitectura e enxeñarías; que este venres 31 de xaneiro publicaron o de incendios; que están priorizando a resolución do concurso de traslados; e que están pendentes de convocar veterinaria e escalas socias. Unha vez publicada no DOG a RPT de Política Social «analizarán» os postos que se ofertarán no concurso de escalas sociais. Conclusión: seguimos igual que estabamos.
  • Estabilización: preguntamos 1) a previsión para publicar as baremacións definitivas e a listaxe de persoas aprobadas dos procesos pendentes; 2) datas de toma de posesión; 3) o tipo de postos que van ofertar (criterios).
    Resposta: a resposta para todo é «proximamente». Non dá ningunha data nin ningunha aproximación a cando sairán as listaxes definitivas ou as listaxes de aprobados/a, e limítase a dicir que están a tramitar os recursos ou alegacións e, no caso dos SPIF, as validacións do persoal inscrito. Están analizando como van proceder no caso das tomas de posesión e da oferta de postos.
  • Carreira profesional: estaba prevista a negociación e convocatoria a finais do 2024, a cal incumpriron. Preguntamos cando pensan finalizar a negociación e convocar.
    Resposta: están «analizando» as alegacións recibidas.
  • Problemas coa Chave365: recibimos moitas queixas de persoas que queren facer cambios nos ámbitos das listas, e tamén de persoas que están a presentar as instancias de incendios, e que se atoparon con que non funciona ben a sinatura coa Chave365 debido a un problema informático. O xoves 30 de xaneiro o problema seguía sen estar resolto, cando o cambio de ámbitos tiña como remate o 31.01.25. 
    Resposta: din que «analizarán» o problema.
  • Sentenzas de complementos en Agacal: hai 3 prazas (persoa encargada agraria-C1, capataz agrario/a-C1, peón/peoa agrícola-C1) con sentenzas (2022-2023) de complementos antes da funcionarización que non se recolleron na RPT, a pesar de que o reclamamos. Os complementos van perderse proximamente pola xubilación de dúas persoas e a estabilización doutra. A consecuencia dos problemas cos complementos as prazas non son atractivas e non se cobren, polo que Agacal acabou contratando unha persoa autónoma para os días nos que non hai ninguén e garantir a supervivencia dos animais. Vai haber unha fuga de persoal nos concursos de traslados. Pedimos que cumpran as sentenzas.
    Resposta: non teñen coñecemento desta cuestión, teñen que «revisalo» e falarán con Agacal.
  • Modificación RPT Medio Ambiente: no referido ao persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas, creáronse postos con discriminación económica respecto do resto, e sen ter en conta o que levamos pactado das condicións de traballo do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Preguntamos cando teñen previsto negociar a modificación da RPT que nos prometeran durante as negociacións anteriores; e para cando se rematará a negociación para un acordo de condicións de traballo do persoal do Parque.
    Resposta: queda pendente unha «revisión» de modificación desa RPT cando se negocie o acordo para o persoal de Illas Atlánticas. O acordo presentouse ás organizacións sindicais, pero non se negociou nin se levou á Mesa Xeral nin se aprobou na Comisión de Persoal.
  • Persoal enxeñeiro agrícola: solicitamos información sobre as tomas de posesión.
    Resposta: no momento que informen sobre os procesos de estabilización dirán cal irá antes ou despois nas eleccións de destino (concurso e concurso-oposición).
  • Datas de exames
    Resposta: están «analizando» cales son os procesos que van convocar e as prazas, de acordo coas OEPs 22-23-24. Cando teñan a previsión facilitarana.
  • Datas de promoción específica
    Resposta: están «pendentes» das publicacións do DOG e da RPT do Consorcio.
  • Comisión de seguimento do acordo de Política Social 
    Resposta: convocarán «proximamente» unha reunión.

Interésanos coñecer a túa opinión, polo que se tes algunha observación, pregunta ou dúbida, contacta coa CIG-Autonómica.

Outras novas recentes

Martes, 20 Mai 2025

Trincando no público: non hai dúas sen tres

A Xunta vai licitar a xestión privada da residencia da Coruña (Eirís) da Fundación Amancio Ortega A CIG esixe a xestión pública directa das residencias de maiores! A Xunta volve sacar a concurso para as empresas privadas a xestión dos servizos públicos e licita os servizos de atención de outra máis das residencias de maiores das sete doadas pola Fundación Amancio Ortega....
Venres, 23 Mai 2025

Grito de alerta da CIG: as persoas maiores de Taboadela sofren coa “ Política de Recortes” da Xunta de Galiza nas residencias públicas

A neglixencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar co apoio da Xunta de Galiza deixa aos maiores do Fogar Residencial de Taboadela nunha situación límite por falta de persoal, queremos lembrar que soamente hai unha persoa na quenda de noites. O CAPM de Taboadela, de xestión Pública onde a falta de persoal na quenda de noite está a provocar unha grave...
Mércores, 28 Mai 2025

Concursos profesores-mestres-axentes extensión pesqueira, e arqueólogos/as-restauración-delineantes-arquivos-bibliotecas-museos

Dende a Dirección Xeral de Emprego e Administración de Persoal comunícannos que, o vindeiro venres, día 2 de xuño publicaranse no Diario Oficial de Galicia as seguintes resolucións:- Resolución do 26 de maio de 2025 para a presentación de solicitudes de elección de postos e xustificación da posesión de méritos do concurso F0125, escalas de profesores numerarios e mestres de...