O pasado venres día 06 de xuño fomos convocados a unha xuntanza coa Dirección Xeral de Emprego e Administración de Persoal no que se abordaron os seguintes temas:

1) Proposta de acordo dos persoal das Illas Atlánticas.

O acordo está moi avanzado e recolle moitas das alegación que a CIG propuxo, aínda que incorporan notables modificacións de última hora que supoñen mermas co documento de marzo, que xa arrastraba recortes respecto ao de decembro do 2023:

  • Recorta unha semana de descanso adicional (3 semanas en 2023).
  • Recorta un 65% o CE diferencial respecto do documento do 2023 (- 3.638 €/ano).
  • Pola contra increméntanse notablemente as horas de traballo efectivo diario no período extraordinario, pasan de 10 a 12h. Lembramos que logo das 12 de traballo efectivo só se garanten 10h. de descanso.
  • No concepto de insularidade existe unha discriminación, non aplicando os mesmos importes para todo o persoal que pernocta nas illas.

Dende a CIG consideramos inaceptábel a proposta, pois esta vai empeorando co avance da negociación, tanto nas retribucións como nos descansos, á vez que se pretende aumentar a carga de traballo ao persoal. Non consta unha xustificación para o incremento das horas, que aumentan de xeito moi importante a carga laboral e psicolóxica do persoal.  Lembramos que o Parque Nacional é un lugar masificado en tempada alta (máis de medio millón de persoas/ano no 2024).

Por isto esiximos que este incremento no tempo de traballo efectivo, ten que vir acompañado inevitablemente dun incremento nos descansos adicionais. Estes son esenciais para o persoal. A nosa condición é incrementar os descansos adicionais a un total de 4 semanas.

Aproveitamos tamén para demandar, unha vez máis, a avaliación de riscos psicosociais no Parque Nacional.

Aceptan a nosa proposta de engadir unha disposición adicional para que o persoal laboral que ocupa na actualidade os postos das escalas afectadas polo presente acordo se lles aplique o mesmo en tanto non se ocupan os postos por persoal funcionario.

2) Modificación rpt Consellaría do Medio Ambiente e Cambio Climático

Nas creacións recollen gran parte das nosas alegacións, máis seguimos incidindo na importante eiva de persoal nos centros de recuperación de fauna salvaxe e piscifactorías, que pese ás creacións de postos desta modificación, segue a ser insuficiente para atender os centros, con especial mención os Complexo ambiental do Rodicio (3 e sen capataz) e O Veral (5) 

Comunicamos que existe un erro recurrente en toda a rpt nas denominacións das novas escalas de recursos naturais e forestais e gardas de recursos naturais, pois maiormente ainda aparecen coas denominacións de persoal laboral.

3) Concurso ordinario escalas área social (medicina, psicoloxía, pedagoxía, especialidades de enfermeiría, de fisioterapaia, de traballo social, de educador/a social, educación infantil, gobernantes/as, auxiliares de clínica)

A DXEP comeza a súa intervención dicindo que retiraron o parágrafo onde se recollía a obrigatoriedade de permanencia no posto de dous anos debido a que o decreto de mobilidade 151/2022 no que non aparece expresamente excluído do baremo as comisións de servizos ou libre disposicións.

Dende a CIG manifestamos o noso enfado pola tardanza en remitir a documentación. Entendemos que é un modelo similar ao de concursos anteriores, igualmente seguimos reivindicando o seguinte:

  • Antigüidade: defendemos aumentar a puntuación máxima (mantendo o valor mensual para obter máis anos)
  • Traballo desenvolvido: consideramos excesivamente desequilibrante os valores polo que defendemos que o valor mensual sexa nun intervalo entre o 25% do valor da antigüidade para o nivel mínimo (0,005 ptos) e o 50% da antigüidade para o nivel máximo (0,01 ptos).
  • Méritos específicos: esiximos que desaparezan e formen ao persoal que toma pose dos postos
  • Formación: engadir ás escolas oficiais de idiomas
  • Titulación académica: que comparta máximo coa formación.

A directora da DXEP informa do persoal que pode participar no concurso, incidindo en que o persoal que está en destino provisional non pode concursar. O persoal do Consorcio, para quen o exame de funcionarización será o cinco de xullo, os postos que están ocupando como persoal laboral non están no concurso.

No buzón de postos recóllense as xubilacións a data de 4 de xullo do 2025.     

Refire que recibiron das Consellerías propostas de retirada de postos do buzón:

  •  C. Educación; retira un posto que se amortización.
  • ISSGA, 3 postos de auxiliar de clínica, remitidos por erro
  • Sanidade: 10 postos, dos que 6 vanse a converter en estatutarios e 4 vense a amortizar.
  • Consorcio: retírase 32 postos por sentencias de fixeza. Os postos que están ocupados por persoal que se integrou e están en destino definitivo non se van a ofertar, son un total de 20 postos.

Sobre as alegacións achegadas polas organizacións sindicais informa de que:

  • 10 postos de Educador, que deberían aparecer como Educador Social, problema de nominación, aparecen así na RPT.
  • 8 postos están ocupados por adscricións por motivos de saúde, retíranse do buzón, dous se ofrezaran en resultas por ter obriga de concursar.

Outras novas da directora de DXEP:

  • Neste momento hai dúas sentencias firmes sobre a toma de posesión definitiva e están recorrendo todas as que se están presentando
  • A carreira profesional  negociarase neste mes de xuño