A CIG continúa coas súas actuacións encadradas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», pola que denuncia a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais.

O sindicato CIG, na súa condición de organización máis representativa das persoas traballadoras do sector público galego, e consonte á normativa vixente, consideramos que existen motivos de interese público para a fiscalización da  xestión económico-financeira da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Por este motivo, vimos de solicitar ao Consello de Contas a inclusión da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na súa programación de fiscalizacións. De acordo coa Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galiza, corresponde a este órgano a fiscalización da actividade económico-financeira do sector público galego, co obxecto de comprobar o sometemento da xestión pública aos principios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía.

Deste xeito na CIG continuamos coas súas actuacións encadradas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», iniciada o pasado 15 de maio, data na cal se manifestou para pedir a dimisión da actual directora pola situación de opacidade da xestión e o secuestro da EGAP, así como pola deriva antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista, á que está sometida a institución da súa man.

Así mesmo, reiterámoslle á Consellaría de Facenda e Administración Pública a nosa esixencia de que garanta unha EGAP transparente, receptiva, coherente e respectuosa cos fins para os que foi creada.