Co silandeiro cesamento do director do IGE, Rueda liquida o que até o de agora fora o Instituto Galego de Estatística, vendido ás empresas privadas e transformado nun medio de censura máis, xunto coa RTVG
Esta é a crónica dunha suplantación fría e rapidamente calculada. Dende o intre en que Rueda encargou un informe á medida á empresa Sondaxe —grupo de La Voz de Galicia— para desdicir, previo pagamento, a «Enquisa estrutural a fogares. Coñecemento e uso do galego» do Instituto Galego de Estatísica (IGE), feita pública o 11 de outubro de 2024, e que destapaba a situación crítica da lingua galega, xa todo quedou dito. A cabeza do até entón director do organismo de maior relevancia da estatística pública de Galiza quedou sentenciada, só era cuestión de tempo... As críticas a Rueda, Feijoo e, en xeral, a todo o PP, pola deliberada incompetencia na xestión da política lingüística, non tardaban en chegar, e dirixirse tamén cara ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Saldábanse de contado dende dentro do propio PP, coa dimisión e baixa no partido do seu coordinador de Cultura o 19 de novembro de 2024.
Para Rueda —activista de Galicia Bilingüe—o IGE cometía o «erro» imperdoábel de transmitirlle á opinión pública a situación de alarmante retroceso do uso do galego, tras 20 anos de manifesto incumprimento de toda a lexislación lingüística galega por parte do PP. Os resultados marcaban un punto de inflexión ao constatar que, por primeira vez, o castelán superaba o galego como lingua máis falada habitualmente na Galiza.
De contado, o conselleiro da Lingua, José López Campos, lonxe de dimitir, presentaba publicamente o 6 de febreiro de 2025, o seu informe á medida: a «Enquisa sobre a percepción social do galego» de Sondaxe. Inmediatamente despois, o 12 de febreiro de 2025, López Campos anunciaba no Parlamento a suposta «renovación» do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), instrumento aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza o 21 de setembro do 2004, con máis de 400 medidas concretas para favorecer o uso do galego en todos os ámbitos sociais… Plan que o PP se negou a implantar e facer efectivo até agora, en favor dunha verdadeira política lingüística exterminadora da lingua galega.
Acto seguido, o 10 de marzo de 2025, Rueda ultimaba, a fume de carozo, os correspondentes retoques na estrutura da Xunta, creando varios postos a dedo, usurpándolle ao IGE toda posible autonomía, e apropiándose do control de toda a estatística pública galega. Ese mesmo día, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, anunciaba a licitación dun contrato «para que as empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar» os datos estatísticos públicos, incluíndo os do IGE.
Finalmente, a guinda de pastel pona agora o DOG deste 23 de xuño de 2025, co silandeiro cesamento do até agora director da institución, sen ningunha comuncación aos medios. O IGE enteiro non desaparece, é certo, pero pouco importa, porque anulado queda, pois Rueda pasou a ter o control absoluto como presidente do IGE, como presidente do Consello Reitor do IGE e como presidente do Consello Galego de Estatística, o máximo órgano consultivo na materia, como denunciamos hai uns meses, e con el as empresas privadas, métense a manexar e lucrarse —sen maiores espaventos—, cos datos públicos estatíticos de toda a cidadanía galega.
Temos a Santa Trindade —desculpa a comparación— presidindo a nosa estatística pública, nun exemplo estrela do que é o uso partidista das institucións públicas. O até agora director do IGE, e todo o persoal empregado público da institución, foron postos en entredito por non publicar milongas, que era o que se supón que Rueda esperaba que fixeran.
Así que, agora si…, xa temos o Instituto Galego de Trolas definitivamente montado!!!!