Novas por contido

O Instituto Galego de Estatística pasa a ser un instrumento directo da Presidencia da Xunta. Néganse a explicar cal vai ser o papel das empresas privadas, que poderían ter acceso aos datos ou participar directamente suplantando as funcións do persoal empregado público. Con esta manobra, o PP e o presidente asestan outro duro golpe aos servizos públicos para ampliar a censura e manipulación da información exercidas na RTVG.

A organización estatística de Galiza está constituída polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o Consello Galego de Estatística (CGE) e os órganos estatísticos sectoriais (OESs). Canto ao IGE, a Lei estipula que é o órgano central da nosa organización estatística, cuxa principal misión é a de dirixir e coordinar a estatística galega. Trátase dun organismo público autónomo adscrito á consellaría competente en materia de facenda dende a súa creación no ano 1988.

En datas recentes o IGE emitía un informe devastador que puxo en evidencia a situación dramática e sen precedentes de perda de falantes que vive o galego tras sucesivos gobernos do PP, que non só ignoraron por completo o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega  aprobado por unanimidade no Parlamento no ano 2004, senón que incluso lexislaron na súa contra. Para tentar contrarrestar estes resultados feitos públicos polo IGE, Rueda, como bo activista de Galicia Bilingüe que é, contratou unha enquisa á empresa Sondaxe (grupo de La Voz de Galicia), quen emitiu un informe «á medida» que concluíu o contrario que os informes estatísticos elaborados polo persoal empregado público do organismo. 
 
Esta experiencia debeulle facer cavilar a Rueda de que a cousa podería non acabar aí, e que o IGE, un servizo público estratéxico e clave de noso, podería volver poñer en práctica a independencia profesional do persoal estatístico, a imparcialidade, a obxectividade e transparencia, así como a confidencialidade dos datos achegados pola cidadanía e as empresas; características todas elas nas que a propia Xunta poñía o foco con motivo da entrada en vigor da Lei 6/2024 de estatística de Galiza

Só deste xeito se explica o actual escenario de cambio drástico de status do IGE, tras as modificacións  da estrutura da Xunta de Galiza levadas a cabo por Rueda. Estas modificacións implican a adscrición do IGE directamente a Presidencia —é dicir, a si mesmo—, despois de 37 anos nos que figuraba adscrito a Facenda. Deste xeito, segundo o Estatuto da entidade, Rueda pasaría a ser o presidente do IGE, o presidente do Consello Reitor do IGE e o presidente do Consello Galego de Estatística, o máximo órgano consultivo na materia.

É evidente que o que Rueda pretende supeditando o IGE a si mesmo é silenciar de xeito definitivo as informacións «inoportunas» de futuros informes estatísticos; e para iso reforza agora a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, da que fai depender o IGE, creando varios postos de persoal mediante libres designacións (persoal a dedo). Ademais, Rueda proxecta tamén a curto prazo a licitación dun contrato «para que as empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos dos que dispón a Xunta», segundo o propio comunicado aos medios.

Estamos, polo tanto, ante o desmantelamento do IGE e da estatística pública de Galiza. Queda patente a posíbel usurpación das funcións do servizo público prestado de xeito imparcial durante preto de catro décadas polo IGE, para facer do tratamento de datos públicos un negocio privado que venda as informacións públicas, sensíbeis e estratéxicas de Galiza para que as exploten e obteñan lucro delas empresas privadas, mentres se pon en perigo a seguridade e intereses da cidadanía e sociedade galegas.

Xa lle adiantamos a Rueda que non imos permitir que o Instituto Galego de Estatística se poña nas mans de empresas privadas, e lembrámoslle que a recente sentenza do TSXG a favor da CIG tras a privatización dos procedementos de avaliación ambiental, deixa claro que non se pode substituír o traballo do persoal funcionario público, garante da imparcialidade e do interese xeral, por empresas «colaboradoras» privadas, con ánimo de lucro.

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...
Mércores, 17 Xuño 2026

Calendario de adxudicacións de postos e actos de elección de destino (MSF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario, a directora xeral de Emprego Públiico trasládanos o seguinte calendario de resolucións de adxudicacións de postos dos concursos de traslados e dos actos de elección de destino: Informática: van publicar unha corrección de erros para cambiar dúas cuestións:  Modifican o apartado D), referido ao traballo...
Martes, 16 Xuño 2026

Actualización definitiva de méritos das listas de substitucións da Xunta de Galiza

No DOG do 16/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2025 nas listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de...