Fai pouco máis dunha semana que a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) enviou un documento de 40 páxinas co anteproxecto que regulará a avaliación do desempeño e a carreira profesional ordinaria (non confundir coa convocatoria da carreira extraordinaria para os graos I, II e III).

O contido desta avaliación do desempeño afecta moitísimo ao persoal empregado público da Administración da Xunta de Galiza e dos seus entes instrumentais, polo que require unha negociación colectiva adecuada entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais que representan ao seu persoal.

Co fin de comprender mellor os efectos do borrador que nos presentan sen ningunha explicación, entende a CIG que a dirección política da Administración debe respostar ás moitas dúbidas e preguntas que temos, para que podamos transmitir con seguridade a proposta da Administración ao persoal. Consideramos isto necesario para que o persoal poida exercer o seu dereito a participar na negociación colectiva dos asuntos que lle afectan. Xa que logo, solicitamos da DXEP que resposte ás preguntas que estamos a recompilar e que lle imos formular nestes días.

  1. Cal é o motivo de que a avaliación do desempeño e a carreira ordinaria veñan en forma de Decreto e non de Acordo? Cree a Xunta que é esta unha fórmula adecuada para a negociación dun asunto de grande impacto nas condicións laborais do persoal empregado público e que pode afectar ao seu salario, a súa promoción e incluso coa que pode ser penalizado ou pode ser removido do posto obtido por concurso?

  2. Sobre o importe de cada grao de carreira establecen que se vai fixar na Orde de confección de nóminas de cada ano. Quere dicir con iso que podería ser variable cada ano?
  3. Sobre a inxente cantidade de horas de formación que se necesitan. Como vai garantir a Xunta unha oferta de cursos de formación continua suficiente para todo o persoal co fin de acadar as horas mínimas necesarias para conseguir acadar os obxectivos para o grao?

  4. A razón pola que pon sobre a mesa unha caducidade da formación non está explicada. Caducan os coñecementos en prevención de riscos laborais? Caducan os coñecementos en materia de limpeza? Caducan os coñecementos de manexo de fauna silvestre? A maioría dos cursos de formación continua do persoal teñen contidos que son vixentes ao longo do tempo.

  5. Cal é a razón pola que non se queren valorar os cursos de galego, de linguaxe administrativa e xurídica? Segue a Xunta de Galiza do PP afondando na Galegofobia?

  6. Para que a persoa empregada pública obteña unha avaliación positiva, pode estar en risco a súa imparcialidade e obxectividade?

  7. Teñen medo as negativas dalgún funcionario/a a asinar informes positivos dalgún proxecto como sucedeu estes meses atrás e dos que forzaron incluso algún despedimento e remate de comisión de servizo?
  8. Cal é a razón para deseñar unha avaliación do desempeño apurada, subxectiva e opaca? Queren facilitar a depredación da Galiza xa que o xulgado tumbou as entidades de colaboración ambiental (ECA), polas que a administración privatizaba os informes ambientais nos que se basean a autorización dos proxectos, tras a denuncia da CIG?

  9. E se consideran que esa non é a intención, que mecanismos de control e obxectividade van a establecer para que se garanta a independencia e imparcialidade do persoal funcionario público?
  10. Non existe ningunha referencia ao reparto do traballo e abondan os casos de castigo sen traballo na Administración Pública. Pode alguén ser castigada/o con saturación ou con pouco traballo e que non cumpra os obxectivos? Isto, agora, tamén podería afectar ás retribucións.

  11. Que pensaron cando decidiron que o tempo baixa por embarazo, maternidade, excedencias por coidados, etc., vai ser valorada coa media da unidade?

  12. Estase a pealizar ao empregado público por ter unha baixa por incapacidade temporal. Por que propoñen un limite de ⅓ parte do tempo en cómputo anual para ser valorados, que diferencia hai entre ½ ou ningunha.
  13. Cunha avaliación negativa (son anuais) non se poderá obter o grao, pero co modelo que deseñaron no que só se pode solicitar a carreira cando a Xunta teña “a ben” convocala, podería ter que agardar 7 anos máis? Non será mellor mudar o modelo de carreira por un modelo automático no que se poda recuperar a carreira tras a avaliación positiva ao cumprir os requisitos?

  14. O de poder remover do posto obtido por concurso a un funcionario/a que teña unha avaliación do desempeño negativa é moi radical. Que van facer coas persoas que queden removidas do posto?
  15. A DXEP xa ten un monte de traballo. Non cre que ser a presidenta da comisión de avaliación vai ser un traballo inxente? Non cre que debera ser unha comisión profesional e con representación sindical, e CON PARÁMETROS OBXECTIVOS e sistemas de corrección, para garantir a imparcialidade e ser mais áxiles?

A avaliación do desempeño ven introducida na Lei do emprego público de Galiza no ano 2015, pero a Xunta de Galiza non tratou de implantala ata o de agora, cando nola trae xunto coa carreira profesional ordinaria. Porén, os seus efectos non se limitarían só a este complemento de carreira, senón que ten efectos globais sobre o posto, xa que unha avaliación negativa pode supor a remoción do posto obtido por concurso, podería ser unha condición para a concesión dunha comisión de servizo, ou mesmo, tras dúas avaliacións negativas, pode ser causa para eliminar un grao de carreira.

En definitiva, hai moitas cousas que discutir, e non poden despachalo nun par de semanas de xullo cando tiña que estar feito fai 10 anos. Solicitamos o adiamento do inicio desta negociación da Avaliación do desempeño e a carreira ORDINARIA ata a segunda quincena do mes de setembro.