Novas por contido

Sete meses despois do primeiro borrador, os sindicatos recibimos a segunda versión da proposta da convocatoria dos graos I, II e III da carreira profesional extraordinaria (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento de desempeño para o persoal laboral). Os textos veñen xa cociñados por Xunta e outros sindicatos, e con cambios tan importantes como substituír a palabra “proposta” por “borrador”, nada máis.

Por tanto, a convocatoria dos graos I, II e III da carreira profesional EXTRAORDINARIA, que tiña que estar negociada antes de rematar o ano 2024, continúa a ter os mesmos problemas que xa tiña en decembro.

Non debe existir prazo para as solicitudes

O recoñecemento dos graos debe producirse no momento en que a persoa empregada pública reúna os requisitos (de antigüidade, de horas de formación, etc.). É dicir, que o noso sistema de carreira debe ser aberto, sen agardar a que a Xunta teña a ben convocar. Sería como acontece cos trienios, que se cobran de xeito automático ao cumprir os anos; ou tomando como exemplo a carreira profesional do persoal docente, os sexenios, que se cobran a instancia de parte.

Isto ten que ser así para que non nos atopemos, por exemplo, con casos de compañeiras/os que ao ter só 16 anos e 11 meses non poidan acceder ao grao III ata dentro de 3 ou 4 anos. E o mesmo sucede co resto dos graos.

E tamén para evitar que quen accedeu a un grao en xaneiro de 2024 vexa limitado o acceso ao grao seguinte.

Non hai que esixir estar en activo nunha data

Manter o requisito de estar activo nunha data (31/12/2024) é tamén unha eiva xa que o único que busca é excluír ao persoal que por diversas causas non estaba traballando nesa data exacta (invalidez provisional con reincorporacion, cesar dun posto ocupado como interino/a, etc.). Si atenden á nosa primeira alegación (sistema aberto, sen prazos) deixa de ter sentido.

Acceso a todos os graos da carreira

No SERGAS, onde se implantou un sistema de carreira similar, o persoal xa cobra o grao IV. Entendemos que, por ser extraordinario este sistema, se debe DAR ACCESO A TODOS OS GRAOS de xeito simultáneo e non consecutivos, como propón a Xunta, para compensar o atraso e discriminación que a mesma Administración realiza co seu persoal.

Calquera persoa que cumpra os requisitos para acceder a máis dun grao, fundamentalmente os anos de servizo, debe poder acceder a eles simultaneamente. Isto non só para acceder agora aos graos III e IV, senón para aqueles compañeiros e compañeiras a quen se lles limitou o acceso aos graos I e II.

Se a finalidade do sistema extraordinario é que o persoal con bastante tempo traballado poida acceder ao grao que lle corresponda en consonancia cos servizos prestados, este modelo que deseña a Xunta leva a que o persoal se xubile sen poder acceder a todos os graos.

Ao mesmo tempo con isto se paliaría o castigo ao persoal interino e temporal aos que se lles negou en 2019 o acceso á carreira profesional.

Andamos escasiños de cartos para financiar a carreira?

Dende 2020 os Orzamentos da Comunidade medraron nun 38%. O capítulo de persoal só un 27%.

Se presumen de que temos os maiores Orzamentos da historia, ao redor de 14.000 millóns de euros, case un 38% máis que hai 5 anos, non se pode entender que o capítulo de persoal medre só nun 27%. Tería que incrementarse en 400 millóns para acompasar o seu crecemento ao dos Orzamentos. E iso valería para financiar, dende o grao III ao grao XXXIII.

Fenda salarial

Manteñen os importes previstos nos acordos de Xunta con CCOO, UGT e CSIF, de xeito que o subgrupo superior (2.773,44 €/ano no 2024) cobrará máis do triplo do subgrupo inferior, agrupación profesional (858,48 €/ano no 2024).

A Lei 30/1984 establece que o soldo dos funcionarios do grupo A non poida exceder en máis de tres veces o soldo dos funcionarios do grupo E. Se ben é certo que isto fai referencia ao soldo, a filosofía e o espírito da norma parecen claros ao establecer unhas limitacións para NON INCREMENTAR A FENDA SALARIAL entre grupos. E tamén hai que lembrar que os sexenios do profesorado se establecen con contías iguais independentemente do subgrupo ao que se pertenza.

Desta forma, a CIG defende un incremento acaido dos importes inferiores para minorar a fenda retributiva.

Reinicio da carreira nun novo subgrupo

O persoal que acceda a outro grupo ou subgrupo deberá reiniciar a carreira recoñecéndoselle e actualizándoselle as contías ás do novo grupo ou subgrupo, cando este sexa superior. O importe dos graos debe percibirse na contía do subgrupo onde se prestan servizos. Ao igual que outros complementos débense actualizar co cambio de situación.

Cómputo da antigüidade

Para o cómputo da antigüidade bastaría con ter en conta os certificados de servizos prestados a efectos de trienios. Si a unha persoa se lle recoñece o tempo de traballo prestado para un concepto retributivo debería servir tamén para acreditar a antigüidade a efectos da carreira. Deste xeito se suprimirían as exclusións expresas e tácitas do texto.

Formación

Establecen os seguintes requisitos de formación segundo os graos:

  • Grao I: 40 horas
  • Grao II: 80 horas
  • Grao III: 180 horas

Non podemos aceptar estes requisitos mentres non se dea acceso á formación a todo o persoal que o solicite e mentres non se recolla a nosa demanda de non existir prazo aberto para as solicitudes.

Deste xeito, a quen non cumpra agora pero se lle dea acceso á formación poderá solicitala en canto cumpra o requisito sen ter que esperar anos ata que abran un novo prazo. E a EGAP debería habilitar de urxencia formación para garantir unha oferta suficiente e de calidade para que quen queira acceder a ela poida facelo xa.

Vai rematar a chantaxe da funcionarización?

Non pode ser que a Xunta siga mantendo a privación do dereito á carreira como sanción ante a negativa á funcionarización do persoal laboral fixo que quere seguir mantendo o seu vínculo laboral.

Solicitamos que se lles restitúa a carreira no grao que corresponda, se permita acceder aos novos graos segundo o sistema aberto proposto pola CIG, e se lles abonen os atrasos derivados da suspensión ás persoas que optaron por non funcionarizarse.

Tramos dos efectos económicos

Fraccionar a carreira non é boa idea, sobre todo porque significa adiar aínda máis o acceso pleno a un sistema limitado de carreira profesional. Si seguimos por esta senda imos atoparnos que para cobrar plenamente o ºgrao IV con todos os efectos teríamos que esperar probablemente ata o 2031, e compañeiras/os que comezaron no 2019 no sistema “extraordinario” con 53 anos, por poñer un exemplo, xamais chegarán a cobrar grao IV enteiro. Isto demostra que o sistema, de extraordinario nada ten.

A proposta da Xunta é a seguinte:

Proposta 2025 Convocatoria xaneiro/2024 Convocatoria decembro/2022
20% en 2025 33% en 2024 60% en 2022
40% en 2026 66% en 2025 80% en 2023
66% en 2027 100% en 2026 100% en 2024
100% en 2028    

Por iso dende a CIG esiximos que non existan tramos, e a carreira se faga efectiva na súa totalidade dende o momento en que se solicite, co 100%.

Rematar coas exclusións

Non se nos escapa que o obxectivo da Administración e excluír ao máximo persoal posible da carreira. Fixérono co persoal interino ata que tiveron que incluílo tras a demanda gañada pola CIG, e o mesmo pasou cando intentaron deixar fora a antigüidade noutras administracións. Pero continúan excluíndo a unha parte importante do persoal como o dalgúns entes e axencias etc. Solicitamos que lles apliquen a carreira subsidiariamente mentres non teñan unha propia.

Estamos ante unha nova oportunidade para darlle a volta a un sistema de carreira que non cumpre as expectativas da maior parte das persoas empregadas públicas. Solicitamos que a Xunta atenda as demandas do persoal, cun novo modelo de carreira extraordinaria máis equilibrado e áxil.

Outras novas recentes

Venres, 03 Outubro 2025

Persoal da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados (Concentración 30/09/2025)

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai...
Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...
Martes, 30 Setembro 2025

Campaña de vixilancia da saúde 2025/2026 para persoal non docente de centros de ensino

Aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste...