Co grande problema que estamos a ter cos concursos de traslados e as tomas de posesión, a administración non ten idea mellor que xunto coa RPT onde se crean postos para dar solución á falta de prazas e ás medidas cautelares, traernos a estratosférica suba do específico dos letrados ao nivel supertrinta, a ver se cola.
Isto sucedeu na mesa sectorial do día 22/09/2025 e o obxecto dela, era, ademais de para facer unha pequena pero indignante modificación da RPT, dar solución a dous problemas conexos do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias:
• Por unha banda, duplicar as 8 prazas adxudicadas a compañeiras que concursaban e que foron retiradas por medidas cautelares.
• Por outra, solucionar un problema aritmético de 1º da ESO: hai a posibilidade de que haxa menos postos que persoas ás que hai que darlles toma de destino definitivo ao haber postos abertos a varias escalas ou postos con requisitos que poden non ter as persoas aprobadas.
En relación ao primeiro, dende a CIG destacamos que esta foi a solución que propuxemos xa en agosto cando a administración paralizou os concursos, así que por coherencia apoiamos esa creación sempre que as persoas afectadas estean de acordo. E ao mesmo tempo pedimos que esa sexa a solución xenérica para situacións similares posteriores nese concurso de enxeñerías, arquitecturas e ciencias, así como no resto dos 9 concursos de traslados convocados e nos que faltan por convocar.
A Administración di que para situacións futuras buscará “solucións”, pero que non teñen por que ser esta. Evaden dicir se van retirar postos dos concursos ou cal é a súa “solución”.
Sobre a creación de varios postos de enxeñarías (especialmente no caso de enxeñaría técnica forestal) pola insuficiencia dos mesmos, neste caso porque existe a posibilidade matemática de que os aprobados de enxeñaría de montes collan todos prazas abertas a escala de forestal e como consecuencia non haxa postos suficientes, mostrámonos a favor, pero facemos unhas consideracións:
• Dado que no concurso de traslados ningunha persoa concursante optou a postos desta escala por debaixo do nivel 22, parece insuficiente o nivel que a administración lles quere atribuír, e máis tendo en conta que o nivel medio dos postos desta escala se atopa moi por riba do que se está a crear. Deben crearse cun nivel superior ao que constan e iso non restaría dereitos a quen concursou. Incluso sorprende que no AGACAL creen postos de 18 cando o resto de postos están no 22. Tamén destacamos que nesta escala hai 16 postos no nivel base 16 que van saír á elección de destino. A DXEP di que cando se solucionen os problemas dos concursos e tomas de posesión se abordará o asunto da homologación de niveis.
• Destacamos que tamén podían ter aberto varios postos de nivel 20 do A1 ao A2 a esta escala que parece que é a máis prexudicada polas chapuzas de xestión desta administración e no caso de que non se optara a eles polas persoas dunha escala poderían ser ocupados por outras. Limítanse a tomar nota.
Un punto e aparte merece a política consciente e premeditada de non executar os concursos específicos. É un verdadeiro escándalo que no caso das escalas de enxeñeiros forestais haxa 29 postos de concurso específico dos cales 19 son de nivel 26, e que implicarían, si se resolveran antes do concurso, a liberación de grande parte deles para o concurso e para dar destinos definitivos (non os mesmos, pero si o número deles).
En relación á modificación de postos de investigadores/as da escala de bioloxía no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo (2) e no Centro de Investigacións Mariñas de Corón (6) en Vilanova de Arousa, a administración pretende eliminar o requisito de doutoramento dos postos é deixalo só en mérito.
Neste caso, a diferenza dos postos creados para enxeñarías, non se crean postos senón que se modifican. Co agravante de que ao retirar o requisito pode dar lugar a que persoas que puideron concursar e non o fixeron ao non ter doutoramento, non puideron optar a eles.
Mudar este requisito esixe dun estudo detallado das funcións e tarefas polas que ata o de agora se requiría un doutoramento. E a maiores disto, a retirada do requisito pode implicar que no caso do CIMA se vexa afectado pola perda de excelencia derivada da lei da Ciencia. A administración sostén que non cambia nada con pasar o doutoramento de mérito a requisito.
Porén somos coñecedoras de que a situación do Centro de Cultivos Mariños é diferente: o que esta en xogo é a viabilidade do propio centro por falta de cobertura de prazas. Non so de biólogos senón de auxiliares, de mantemento, de administración xeral, de limpeza etc…Costa moito cubrir as prazas pola falta de servizos que ten a zona (non hai trasporte publico) e os esaxerados prezos da vivenda derivados da presión turística. Isto fai que os postos sexan de moi difícil cobertura.
Polo tanto, no caso das prazas de bioloxía a opción é igual que no resto das escalas CREAR postos novos.
E no resto de escalas e en especial na de química, preguntamos á administración se vai repetirse o mesmo problema de falta de prazas por estar abertas a outras escalas. Din que o revisarán.
E finalmente demandamos,
1. Un cronograma coas resolucións dos concursos: a DXEP di que nun prazo breve van publicar a baremación provisional dos concursos de de axentes ambientais e bombeiros. Actualmente están traballando co concurso de corpos xerais.
2. Que se fagan os actos de elección de destino do persoal en provisional e de estabilización para así poder tomar posesión as persoas que concursaron da escala de Gardacostas e de profesores numerarios de escolas marítimo pesqueiras. Di que están avanzando na coordinación das eleccións de destino e as tomas de posesión.
3. Que se comprometan a aplicar a fórmula de duplicar os postos nos casos de medidas cautelares e extensión de sentenzas a todos os concursos. A resposta é evasiva e non se compromete con esa solución concreta.