As bases das convocatorias de promoción interna separada para corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), pasou pola Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario que tivemos o luns 13 de outubro. Para a súa publicación en DOG falta que queden aprobadas nunha futura Comisión de Persoal.
As convocatorias recollen as prazas das OEP dos anos 2022 e 2023. A CIG solicitou a incorporación tamén das da OEP-2024 (18 en A1, 35 en A2, 73 de C1, 170 de C2). Porén, reclamamos que a promoción interna non tivese límite de número de prazas, tendo en conta que estas non consumen tasa de reposición de efectivos.
Respecto dos borradores iniciais destas convocatorias, axustaron un pouco o tema da Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galiza, e reduciron o número de preguntas do primeiro exercicio de A1 e A2.
Estas convocatorias son moi similares ás anteriores, pero destaca un importante cambio no corte para superar o primeiro exercicio: pasamos de 4 por praza sen baixar do 50%, e de non chegar, poder baixar ao 40%, pero naqueles exercicios que tiñan duas partes o corte había que superalo en cada parte; agora, o corte queda en 4 por praza ata o 40% directamente, e aplicado ao conxunto do exercicio, non a cada parte. Esta diferenza facilitará sen dúbida a superación da fase de oposición.
A Xunta está a limitar as escalas que se poden presentar. A CIG defende que sempre, en todos os casos, o persoal funcionario que cumpla cos requisitos de titulación poida moverse de escala por promoción interna vertical dende o subgrupo inferior e horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo. A directora de Emprego Público non acepta.
Somos conscientes de que en moitos casos, superar a promoción interna implica cambiar de localidade. Iso é un problema especialmente nas localidades nas que non existen postos abondo. Por iso reclamamos que se articule algún sistema que permita a recualificación do posto ou algún outro sistema que limite os cambios xeográficos.
Queremos algúns axustes na fase de consurcos. Destacamos que pedimos a eliminación da puntuación por grao consolidado, ou que busquen a maneira de evitar que as comisións de servizo pervirtan este mérito pola consolidación do grao que se da nun caso concreto (cando previamente a obter un posto de nivel superior nun concurso, xa se estivo nese nivel en comisión de servizos).
En canto aos exercicios, defendemos a supresión do exercicio de temas en A1, e a proba de informática en C2 (propuxemos que fora substituida por un curso de formación non eliminatorio para todos os corpos, adaptado ás súas necesidades funcionais).