O luns 22 de decembro tivemos a sorpresa de Nadal. Segundo CSIF a CIG frea a suba salarial acordada por eles, entre outros, para os seguintes catro anos.

En primeiro lugar, a CIG impugna un acordo, non o Real Decreto-lei que mantén as ridículas subas, co cal esas subas están garantidas. Como explicamos aquí, isto non implicaría en ningún caso o decaemento do RD-lei que establece a suba.

O que si vai implicar a demanda é que teñan que volver a constituír unha mesa de negociación ONDE A CIG é parte, e que en todo caso só pode significar que se acorden subas por riba do xa pactado e/ou unha cláusula de garantía salarial.

En segundo lugar, a CIG non anulou a carreira profesional. A CIG conseguiu que na carreira entrase todo o persoal que os outros sindicatos deixaron fora contra a xurisprudencia e o criterio dos tribunais.

Tampouco a CIG paralizou a carreira, senón que foron CCOO, UGT, e a Xunta as que o fixeron, xa que a sentenza da CIG que segundo CSIF paralizou a carreira, é posterior (17/03/2021) á data na que tiñan que ter posto en marcha o grao II (31/12/2020).

O que non din é que eles SÍ PEDIRON A NULIDADE DA CARREIRA PROFESIONAL, como ben vos contamos en varias novas.

E o que xa é de broma é acusarnos de "desobedecer" ao BNG. A CIG é unha organización soberana, unha organización que conflúe con outras en moitos aspectos e noutros non, e que mantén a súa independencia e criterios propios á hora de decidir a súa política sindical.

Parece que antes de comezar as festas xa temos aos cuñaos sentados á mesa. 

Bo Nadal