A Xunta teima en primar a adaptación ao Fides do Sergas para a tramitación dos concursos de traslados, aínda que para iso teña que sacrificar na nosa Administración o achegamento ao domicilio das fillas e fillos e persoas dependentes, así como a permanencia como mérito.

Hoxe 18 de febreiro tratamos na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario o concurso de traslados de educ. infantil e persoal aux. coidador e de PSX e persoal xerocultor.

Dende a CIG volvemos pedir que se recupere a puntuación da permanencia no posto como mérito, así como o achegamento ao domicilio de fillas e fillos e familiares dependentes, e non só se inclúa o achegamento ao/á cónxuxe (ao que as familias monomarentais/monoparentais non poderán optar). O sistema informático de tramitación dos concursos de traslados debe facer encaixar estes conceptos e non eliminalos coa excusa de que no Sergas non os teñen, e así poder tramitar todo en 1 ano.

Concursos  de persoal educador infantil e educación infantil e escala auxiliar de persoal coidador; e PSX e persoal xerocultor

Por parte da CIG solicitamos, tamén, o seguinte para ambos concursos:

  • Prazo de resolución: máximo de 6 meses 
  • Comisións de servizo: que non se concedan comisións de servizos a quen obteña unha praza
  • Vacantes ofertadas: que se oferten todas as vacantes incluíndo as que se produzan até o momento da elección de destino
  • Xubilacións: que se  adxudiquen as prazas de persoas que concursaron e no medio se xubilan, e se cambie a redacción das resultas
  • Antigüidade: son 31 anos, pedimos amplialos ao máximo
  • Traballo desenvolvido: pedimos que se axuste para puntuar dende 25% (o nivel mínimo) até o 50% (o nivel máximo) da antigüidade
  • Grao: solicitamos retiralo da puntuación mentres estea afectado polas comisións de servizos, e que se reduzan os incrementos ao equivalente a medio ano de servizos
  • Formación: solicitamos que se engadan as escolas oficiais de idiomas
  • Titulación académica: que comparta máximo con formación

Ademais, no caso da escala auxiliar de persoal coidador, pedimos a publicación dunha listaxe de postos actualizado onde consten os datos do centro e localidade de cada posto durante o curso escolar 2025-26.

Por parte da DXEP aclararon as seguintes cuestións:

  • Tramitación separada: a tramitación destes dous concursos vai separada debido a que no caso de persoal educador infantil/educación infantil e escala de persoal auxiliar coidador hai unha vinculación ao curso escolar.
  • Antigüidade: non concordan con incrementala ao máximo.
  • Permanencia: volve argumentar que a eliminan porque se establa aplicando un criterio diferente con relación ao Decreto de mobilidade ás persoas que accedían por concurso e as que obtiñan destino definitivo no acceso ao emprego.
  • Conciliación: explican que é unha adaptación ao Fides do Sergas, a unhas bases comúns simplificadas, para poder convocar e resolver en 1 ano.
  • Prazas ofertadas: sinala que agora non vai haber xa problemas porque non vai pasar tanto tempo entre o peche das caixas de postos e a acreditación de méritos e elección de postos.
  • Xubilacións: non van producirse moitas, e non pasan a resultas porque a persoa xubilada non obtén un posto no concurso; están pendentes da configuración da aplicación, e non van facer modificacións das bases do concurso.
  • Cursos de galego administrativo: a DXEP di que vai revisar a oferta e a dificultade para obter praza nos cursos, ante as queixas sobre a dificultade para obter praza nos cursos convocados pola EGAP e as EOIs e a alta puntuación que teñen, e as solicitudes de que pidan á EGAP que amplíe a oferta.

Outros asuntos tratados na mesa (rolda aberta de intervencións)

  • Consorcio: pedimos que se retire o recurso contra a sentenza do TSXG pola que dúas persoas traballadoras fixas veñen de gañar a súa integración no Consorcio, cando no caso doutras 3 persoas nas mesmas circunstancias o Consorcio non recorreu e xa se integraron e puideron funcionarizarse, e que expliquen o cambio de criterio. → A DXEP di que teñen que preguntar á Asesoría Xurídica, que van revisar a situación, e que non poden contestarnos.
  • GAIN: con relación aos atrasos no pagamento da carreira ao persoal da Axencia, aclaramos que desta volta o grao II foi tramitado polo Fides, non como no caso anterior, que o tramitou a GAIN. Porén, a directora insiste en que aínda que a carreira de GAIN se tramitou a través do Fides, a resolución depende de GAIN, porque este persoal segue a ser, de momento, persoal propio da Axencia, non de Emprego Público, e que van preguntar cal é o problema para que haxa atrasos e que o persoal non cobre tampouco en febreiro.
  • Concurso da escala de inspección turística: van convocalo á maior brevidade posible, sen aclarar se será este ano 2026.
  • Decreto de carreira: xa finalizou o prazo no portal de transparencia para as alegacións, estanas revisando e se hai cambios volverán traelo á mesa.
  • Testamento vital: van preguntar sobre os problemas coa tramitación do testamento vital nos Servizos Centrais e a derivación aos hospitais.