Resumo da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario de 27/03/2026, pola convocatoria do proceso selectivo a vixilancia de estradas e mobilidade. Na rolda aberta de intervencións tratáronse os seguintes temas: concursos de traslados (cronograma e postos retirados), concurso de traslados e eleición de destinos de corpos xerais, xornada de 35 horas, convocatorias de promoción interna, falta de cobertura de postos no ámbito da saúde pública, carreira profesional, listas de substitución de informática, axentes de inspección de estradas e persoal legoeiro.
1. PROCESOS SELECTIVOS DE VIXILANCIA DE ESTRADAS E MOBILIDADE (C1)
PROPOSTA DA DXEP
- Descargar borrador
- Prazas de acceso libre e promoción interna (PI)
- Oposición
- Escala de axentes de inspección, esp. vixilancia de estradas: 10 prazas (1 discp., 3 PI). Prazas non cubertas por PI acumúlanse ás de acceso libre
- Escala de axentes de inspección, esp. mobilidade: 4 prazas (1 PI). Praza non cuberta por PI acumúlase a acceso libre.
- Modificacións ao respecto do borrador enviado aos sindicatos: foron modificadas as denominacións das escalas para o emprego da linguaxe inclusiva (verémolo na seguinte versión).
ALEGACIÓNS DA CIG
Nº de prazas convocadas
- Consonte os acordos existentes coa Axencia Galega de Infraestruturas (Axi) sobre o persoal laboral (2018 e 2020), as prazas non cubertas en promoción interna para vixilancia de estradas acumulábanse á oferta libre. Quedaron 31 sen cubrir, polo que pedimos que se convoquen as 41 prazas.
- Resposta da DXEP: analizarán se poden incluír as 31 prazas. Revisarán o que poidan facer do acordo, tendo en conta que as prazas non están na OEP. Convocan todas as prazas que hai na oferta; para próximas ofertas terán que analizar se existen vacantes que son susceptíbeis de inclusión nas ofertas que aproben en 2026. As prazas que inclúen aquí (hai que mirar esas prazas de PI) son todas prazas que hai en OEPs que tiñan aprobadas.
Persoal legoeiro (laborais IV-31)
- Queda fóra sen que lle deran opción de funcionarizarse ao grupo C2, e agora non poden promocionar. Pedimos que se estuden as posibilidades legais para facilitar a súa participación nesta PI.
- Resposta da DXEP: puideron participar no proceso selectivo convocado no ano 2022. O que fixeron foi convocar todas as 57 prazas xuntas, aínda que o acordo falaba de 2 procesos de PI separada, porque se chegaba tarde. Ese persoal legoeiro puido participar naquel proceso, e ademais, tivo despois un proceso de funcionarización (aínda que “estraño”).
Sistema de acceso
- Pedimos que sexa concurso-oposición, e non oposición.
- Resposta da DXEP: o concurso-oposición prolonga a duración dos procesos, por iso convocan como oposición; queren rematar os procesos nun período de 1 ano.
Requisitos
- Convocatoria: establécese o requisito do permiso de conducir B. A LEPG non impón este requisito para a escala, polo que solicitamos que se retire para respectar o disposto na Lei.
- Resposta da DXEP: todos os postos da RPT teñen ese requisito, e se non esixen ese requisito na convocatoria podería darse o caso de que as persoas que superen o proceso selectivo non poidan tomar despois posesión de forma efectiva porque non cumpren as características do posto. Terían que valorar se queren modificar a Lei de emprego público, a DA9ª para incluír o carné de conducir.
Promoción interna
- Convocatoria: quenda de PI conxunta co acceso libre, co 25%. Demandamos que sexa separada e co 50%. Ademais, a convocatoria establece a PI vertical dende calquera C2, e demandamos que se permita a horizontal dende C1.
- Resposta da DXEP: non contesta.
Exercicios
- Convocatoria: a duración do 1º e 2º exercicios é de 180 minutos para 148 preguntas (1 minuto e 21 segundos/pregunta). É insuficiente, e solicitamos a súa ampliación. Tamén pedimos que cada exercicio estea centrado nunha única parte do programa.
- Resposta da DXEP: o tempo de 180 minutos está establecido para todos os C1 da Xunta e este non ten por que ser diferente, o tempo é igual para todos. O exercicio 1º e 2º verdadeiramente responden a un único exercicio, que antes tiña 2 partes, unha primeira parte con preguntas tipo test de tipo teórico, e unha segunda parte de tipo práctico. Desagregan o exercicio en dous consecutivos dun total de 180 minutos para os efectos de que haxa un maior número de persoas que se integren nas listaxes de contratación (quen aprobe unha primeira parte, xa constaría que ten un exercicio aprobado).
Programa/temarios
- Convocatoria: normas de dereito. Propoñemos a alternativa da elaboración de manuais por parte da EGAP ou como mínimo de referencias bibliográficas. Solicitamos a revisión do programa para axustalo ás funcións e responsabilidades propias das escalas/especialidades.
- Resposta da DXEP: establecen número de temas semellante en todos os procesos; os temarios do C1 son uns 20 temas, C2 sobre 14, e así sucesivamente; é a liña xeral para todos os procesos, non se establece un estándar diferente. Xa o empregan nos últimos procesos convocados. Pídenlle cada ano a todas as consellarías que teñen postos de traballo das escalas de cada unha das convocatorias que os actualicen. Xa deberían ser acordes coas funcións e cos cambios de normativa. O cambio da data de referencia dos temarios ao momento da solicitude: antes a data de realización do 1º exercicio atrasábase, non era en seis meses, senón oito ou nove meses. Agora xa teñen antes a data de realización do 1º exercicio, porque xa fixan previamente o calendario, é por ese motivo.
Taxas
- Convocatoria: 50% de exención para as persoas desempregadas; 100% para familias numerosas cat. especial; 50% familias numerosas cat. xeral. Demandamos que se efectúen as modificacións normativas precisas para: 1) 100% de exención para persoas desempregadas; 2) Inclusión das familias monomarentais/monoparentais cunha exención do 100%; 3) Redución das taxas para adaptalas á perda de poder adquisitivo da cidadanía.
- Resposta da DXEP: non contesta.
Tribunais
- Convocatoria: designación a dedo do tribunal. Insistimos en que ha de haber un cambio cara á un sistema de selección obxectiva.
- DXEP: non contesta.
Galego
- Convocatoria: exame de galego. Solicitamos que o primeiro exame sexa en galego.
- DXEP: non contesta.
Duración do proceso e previsión de inicio do 1º exercicio
- Defendemos procesos áxiles que non excedan de 1 ano dende a convocatoria até o nomeamento.
- Convocatoria: 1º exercicio non antes dos 6 meses posteriores á data de publicación da convocatoria. Solicitamos o cambio da redacción para concretar que o 1º exercicio será en 6 meses como prazo máximo.
- Demandamos que os exercicios das distintas especialidades non sexan programados de xeito simultáneo para evitar que se limite a participación das persoas que poidan presentarse ás dúas.
- DXEP: data de exame: 24/10/2026. Tentan que sexa 1 ano e para iso xa están fixando a data de realización do primeiro exercicio, que practicamente é exactamente aos 6 meses da convocatoria, noutros casos aos seis meses e unhas semanas, etc., porque previamente aproban ese calendario de realización dos primeiros exercicios que están cumprindo; así que non ven a necesidade de acoutar cando previamente á realización da negociación das convocatorias xa están publicando calendarios de datas de realización do 1º exercicio. Están empregando para todos os procesos por subgrupo un número de temas que sexa igual ou semellante para todas as convocatorias, e os requisitos das convocatorias tamén son homoxéneos; estas bases empregaranse no resto de convocatorias de procesos que convoquen en 2026, tal e como fixeron en 2025, agás precisións puntuais en casos moi específicos polas características de determinados procesos (como a escala de finanzas, estatística, persoal letrado, informática…), onde a configuración dos exercicios son distintos ao resto de procesos selectivos.
2. OUTROS ASUNTOS TRATADOS
CONCURSOS DE TRASLADOS (cronograma e postos retirados)
- Pedimos un cronograma da resolución e da toma de posesión, cunha estimación de todos os concursos; e solicitamos a identificación dos postos retirados das vacantes e que se dupliquen.
- Resposta da DXEP: Están publicando os baremos provisionais dos concursos que están pendentes. Este luns publicaron os de arqueoloxía, hoxe venres publicaron o de escalas sociais da convocatoria ano 2025. Nos meses de abril e maio publicarán practicamente todos os baremos provisionais dos concursos que están convocados actualmente, tanto os convocados en 2025 (que están pendentes de baremo provisional, que son os de veterinaria, mantemento, cociña, laboratorio) como os que convocaron neste ano 2026. Pode ser que algún quedase para unha data posterior.
- Resposta da DXEP: di que na páxina web figuran en vermello os postos retirados (pero aí non vén o motivo). Non contestan nada máis, mesmo despois de repreguntar. Sinalan que son procesos xudicializados, e hai determinada información que non poden proporcionar. Só poden anunciar en DOG para que as persoas interesadas comparezan. Non teñen mái información.
CONCURSOS DE TRASLADOS E ELEICIÓN DE DESTINOS DE CORPOS XERAIS
- Aínda que non teñen xa a resolución de adxudicación de postos, están traballando para preparar a elección de destino das persoas que van tomar posesión ao mesmo tempo que tomarán posesión as persoas do concurso, para que dende que publiquen a resolución de adxudicación de postos do concurso transcorra o menor tempo posible para que todos/as poidan incorporarse canto antes. Se non xorde ningún imprevisto, a partir do mes de abril terían as resolucións polas que se convocan a elección de destino as persoas de corpos xerais que, ou ben están en destino provisional, ou ben están pendentes de elección de destino porque superaron un proceso de estabilización. As tomas de posesión serán simultáneas, coordinadas.
NEGOCIACIÓN DA XORNADA DE 35 HORAS
- Solicitamos que se abra sen máis demoras unha negociación real para avanzar na implantación das 35 horas, con posibilidade de maior redución atendendo á realidade das diferentes condicións de traballo. Na maioría das comunidades xa está implantada; e a partir de abril no Estado.
- Resposta da DXEP: non contesta.
CONVOCATORIAS DE PROMOCIÓN INTERNA (CORPOS XERAIS E ALGÚN MÁIS)
- Procesos dos que temos a lista de persoas admitidas e excluídas, pero que aínda non se sabe quen superou o proceso da convocatoria anterior. A xente non sabe se estudar ou non, e demanda unha previsión de cando sairá a listaxe de persoas aprobadas.
- Resposta da DXEP: a DXEP cre que en todos os casos, aínda que non está publicada a relación de persoas aprobadas, está publicado o baremo definitivo; co baremo definitivo, coas persoas que superaron o proceso selectivo, na maior parte dos casos xa poderían saber; poden inscribirse, por se non teñen a seguridade 100%, pero cre que unha orientación de se teñen ou non que presentarse aos exames do mes de maio da seguinte PI, si a teñen, porque o baremo definito está publicado. Unha vez publicado o baremo definitivo deixan pasar 1 mes antes de publicar a lista de persoas aprobadas, porque é o prazo de recurso e danlle unha revisión aos recursos.
FALTA DE COBERTURA DE POSTOS NO ÁMBITO DA SAÚDE PÚBLICA (ESCALAS SANITARIAS)
- Situación grave na provincia de Ourense. Non están consideradas persoal esencial (agás persoal veterinario de matadoiro), polo que existen dificultades para a cobertura dos seus postos. Os lumes do verán incrementaron a carga de traballo (por exemplo, análises das augas). Necesaria a cobertura. Axuda ser declaradas persoal esencial.
- DXEP: revisarán se hai problemas cos postos por non ser servizos esenciais, por se hai problemas de cobertura de prazas.
PROBLEMAS CO COBRAMENTO DA CARREIRA PROFESIONAL
- Moitas persoas que aínda non a cobraron. Hai problemas informáticos?
- Resposta da DXEP: están analizando as solicitudes; nalgúns casos as persoas que teñen pendente o cobramento igual teñen pendente de validar a información. En calquera caso, os efectos económicos son dende o 1 xaneiro de 2025, convocouse o 2 ou 3 de decembro e teñen un prazo de 6 meses. Todas as carreiras que sexan para estimar farase no prazo establecido.
PECHE DAS LISTAS DE INFORMÁTICA
- Resposta da DXEP: pecháronse este ano porque realizáronse cambios nas titulacións de acceso a esas escalas a través da Lei de medidas, e teñen que ver como fan.
AXENTES DE INSPECCIÓN DE ESTRADAS E PERSOAL LEGOEIRO
- Non se puido presentar á PI do ano 2022. Ese persoal queda de laboral sen expectativas de ser funcionarizado proximamente?
- Resposta da DXEP: din que non teñen información que poidan adiantar.