Nas anteriores 6 convocatorias de letradas/os (dende 2013), quedaron desertas 2 de cada 3 prazas ofertadas. As persoas candidatas ano tras ano son incompetentes? Déixanas desertas para dalas en comisión de servizos a persoal funcionario doutras escalas? Por que dividen as prazas dunha mesma Oferta en convocatorias diferentes?

Asistimos á Mesa Sectorial do luns 18 para negociar as bases da convocatoria do proceso selectivo para a escala de letradas/os, un proceso moi similar ao convocado no 2024: forma de acceso mediante oposición; seis exercicios, dous deles de exposición oral de sete temas, un voluntario de lingua estranxeira; un programa tamén moi similar ... A única diferencia subliñable está no corte dos exercicios orais.

Facendo unha análise de como foron os procesos anteriores obtemos o seguinte:

De todas estas convocatorias, a porcentaxe de prazas cubertas foi do 37%. Se collemos as convocatorias dos últimos 10 anos, a porcentaxe baixa ao 32%. Andamos arredor de que se están a cubrir nada máis que unha de cada tres prazas convocadas. Con estes datos caben tres conclusións:

  1. A inmensa maioría das persoas opositoras que se presentan ano tras ano non teñen a capacidade necesaria para traballar na escala de letrados/as

  2. Os tribunais, ben por decisión propia, ben por indicacións recibidas, poderían estar interesados en que as prazas queden sen cubrir para así poder adxudicar as vacantes en comisións de servizos a persoal funcionario doutras escalas escollido a dedo

  3. O proceso selectivo é inadecuado

Damos por feito que a Xunta de Galiza non considerará razoable que exista unha incapacidade xeneralizada das persoas candidatas ano tras anos. Tamén damos por feito que ninguén vai recoñecer que deixalas desertas é froito dunha decisión consciente. Así que só podemos valorar que o proceso é inadecuado.

Non vamos afondar en nada máis, en que non compartimos a forma de acceso, ou en que non haxa diferenzas entre acceso libre e promoción interna. Non entramos en que haxa seis exercicios, dous deles de 7 temas. Tampouco entramos en que concordamos que se permita a promoción horizontal e vertical dende calquera escala do mesmo ou inferior subgrupo.

Para a CIG hai unha cuestión que anula calquera outra consideración: estamos ante un modelo de proceso selectivo que reiteradamente, convocatoria tras convocatoria, deixa un de cada tres postos sen cubrir. Un proceso que necesita unha revisión profunda. En definitiva, o actual modelo NON VALE.

A maiores do anterior, e para rematar, queremos engadir un proceder que nos parece absurdo: dividen os posto de cada oferta de emprego entre convocatorias de anos diferentes.

Nesta proposta de Resolución convocan 10 prazas para a escala de letrados e letradas, das OEP de 2023 e 2025:

  • Na OEP-2023 había 10 prazas, e na convocatoria publicada no 2024 incluíron 2 prazas, polo que restaron 8 sen convocar, que son as que convocan agora.

  • Na OEP-2025 tamén hai 10 prazas, das que agora inclúen 2 prazas. Quedarán 8 sen convocar.

Esta situación de ir dividindo as prazas dunha OEP e repartilas en convocatorias diferentes repítese dende fai anos, e só ocorre en letrados. É algo absurdo, polo que reclamamos á Xunta que se agora mesmo están dispoñibles 18 prazas, que as convoquen todas xa.