Despois de ter realizado unha masiva concentración o mércores 27, as compañeiras e compañeiros que alí nos concentramos vemos como estes tres sindicatos sacan unha nota botándolle a culpa á CIG, no canto de botarlla á directora xeral, do que pretende facer creando unha incompatibilidade ficticia entre o concurso e as tomas de posesión da promoción interna.
Na Comisión de Persoal deste venres 29/05/2026 a directora insinuou que poderían dar destino á promoción interna do 2023, pero que o confirmarían o luns, e tamén adiou a información sobre as datas e prazos, prelacións, número de prazas, etc, para o luns.
E tamén comentou algo que nos sorprendeu: que se a promoción interna do 2020 e do 2023 escollían agora, entón as persoas desas promocións que collan posto no concurso, aínda que estea aberto ao subgrupo superior, van ter que optar por unha cousa ou outra.
Pensamos que isto podería ser un erro, unha chantaxe, e quixemos estudar a liña de acción á seguir para o luns, antes de pronunciarnos.
Pero hoxe sorprendeunos a demagoxia de CCOO, UGT e CSIF, que calan e, en vez de opoñerse a esta decisión da directora xeral, opóñense á CIG. En realidade están a opoñerse ás persoas das promocións internas e non buscan solución nin rebaten á administración.
Que fan para defender os intereses das persoas das dúas promocións internas?
Estase a crear un problema que non existe e que CCOO, UGT e CSIF validan
Dende a CIG imos manter na reunión de hoxe luns que non admitimos que tanto as persoas da promoción interna de 2020,e de 2023, no caso de ter adxudicado no concurso xeral un posto aberto ao subgrupo superior, teñan que OPTAR entre o posto do concurso ou o acto de elección de destino. Se optan polo primeiro renuncian a promoción interna e no segundo renuncian con probabilidade a un posto de máis nivel.
Isto é ABSURDO. Os actos de adxudicación de destino no concurso e da elección de destino son SUCESIVOS, aínda que a toma de posesión sexa simultánea, co que entendemos que ás persoas PRIMEIRO se lles adxudicou un posto no concurso (de feito ata que non cesen as persoas da promoción interna non poderán tomar posesión), e SEGUNDO, promocionan.
Polo tanto, quen promociona o fai ao posto que obtivo no concurso si está aberto ao subgrupo superior.
Se isto é unha aberración, a nivel práctico é un desastre. As persoas das promocións internas que poden estar nesta circunstancia, se se lle da destino da promoción interna no posto obtido no concurso, SE RETIRAN, dos actos de elección destino, PRECISAMENTE CANDO O PROBLEMA QUE NOS TRAE AQUÍ É QUE NON HAI POSTOS DABONDO. Este proceder liberaría postos para os actos de elección de destino, pois os postos adxudicados no concurso non están entre os que se ofrecen.
A solución que aporta a CIG é a mesma que a Xunta puxo en práctica no anterior concurso
Pero o máis grave, é que a Xunta XA OPTOU pola fórmula correcta no ano 2022, cando se deu o mesmo problema ao solaparse un concurso de traslados e promocións internas.
Na RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso, pola quenda de promoción interna… se establece que:
“Primeiro. Ás persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo, sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao subgrupo ao que accede da Administración xeral.
As persoas aspirantes que participaron no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019 (DOG núm. 226, do 27.11.2019), e que foran adxudicatarios pola Resolución do 15 de febreiro de 2022 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019 (DOG núm. 34, do 18.2.2022) dun posto aberto ao subgrupo ao que accede da Administración xeral, adxudicaráselles destino definitivo no posto adxudicado no concurso ordinario no subgrupo ao que acceden no seu respectivo proceso selectivo.”
E o cesamento para as persoas que obtiveron posto no concurso e para as que promocionaron fíxose o mesmo día o día 6 de xuño de 2022.
Polo tanto, a solución é clara, xa se practicou e demostrou ser a acaida, co que instamos á DXEP que a poña en práctica unha vez máis.
O máis grave de todo isto, é que CCOO, UGT e CSIF, se posicionen, non contra a CIG, senón contra as persoas das promocións internas, tanto das do 2020 como das do 2023, dándolle a razón á administración.