A CIG denuncia que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente no novo deseño da praza. Por iso afirmamos que non se trata dun episodio illado, nin dunha decisión discrecional máis da Administración, senón dunha cadea de decisións que remata chocando coa propia Lei de museos de Galiza aprobada pola Xunta en 2021.
Imaxes da protesta SÓS CGAC o 12 de xuño de 2026 ante o conselleiro, o director xeral e a nova directora
Primeiro paso: modificar a praza
A dirección do CGAC xa era un posto de libre designación e non precisaba modificar o seu sistema de provisión. Porén, poucas semanas antes da convocatoria modificouse a RPT para ampliar de maneira significativa quen podía acceder a el.
Até febreiro de 2026, a praza estaba configurada como un posto de libre designación do subgrupo A1, adscrito ao corpo Xeral e á especialidade de Museos (ESB3), reservado exclusivamente ao persoal funcionario da Administración Xeral da Xunta de Galiza (AXG). Após a proposta presentada na Mesa Sectorial do 20 de febreiro, aprobada pola Comisión de Persoal o 26 de febreiro e publicada no DOG o 12 de marzo, o posto pasou a estar aberto a persoal doutras administracións públicas e ao persoal docente destinado na comunidade autónoma galega (A20). Para a CIG non foi unha simple modificación técnica, senón unha ampliación do perímetro de persoas elixíbeis xusto antes da convocatoria.
Segundo paso: deixar sen efecto a Lei de museos
Esta ampliación dos colectivos admitidos entra directamente en conflito co modelo establecido pola Lei 7/2021, de museos e outros centros museísticos de Galiza. Durante máis de vinte anos, as RPT da Xunta adscribiron o posto á Administración Xeral da Xunta, aínda que a normativa anterior permitía que a dirección do CGAC puidese ser desempeñada por profesionais externos mediante a figura da alta dirección. Foi precisamente a Lei de museos a que modificou este modelo.
En concreto, o artigo 21.2 estabelece que «as funcións directivas dos museos de titularidade ou xestión autonómica serán asumidas tanto pola escala facultativa superior como de grao medio de museos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza».
Segundo a perspectiva da CIG, a redacción deste precepto resulta dificilmente conciliábel coa apertura posterior do posto a colectivos alleos ás escalas de Museos. A configuración coherente da praza coa lei sería, polo tanto, unha dirección de libre designación reservada ás escalas de Museos da Administración Xeral da Xunta. Ao abrir a praza a outros colectivos da Administración, a Xunta non só modificou a RPT, senón que deixou sen efecto práctico a exixencia legal de pertenza ás escalas de Museos (que só se aplicaría ao persoal da Administración Xeral, pero non ao doutras administracións).

A fraudulenta apertura ao persoal docente
Para xustificar a reforma, a Administración apelou ao artigo 38.6 da Lei de emprego público de Galiza, argumentando a necesidade dun perfil técnico con coñecementos específicos en arte contemporánea e promoción da creación artística.
Porén, na CIG consideramos que esta interpretación resulta, cando menos, forzada. O precepto invocado está pensado para determinados postos directivos relacionados coas competencias de educación, sanidade ou xustiza, mentres que a dirección do CGAC depende organicamente da Dirección Xeral de Cultura e as súas funcións non son propias do ensino secundario nin gardan relación directa co exercicio da docencia.
Acusamos á Xunta de valerse dunha excepción legal para crear outra que a propia Lei de museos non contempla. Ademais, considera contraditoria a argumentación empregada: se o obxectivo era reforzar a especialización do posto, o lóxico sería fortalecer os requisitos vinculados á museoloxía e á pertenza ás escalas especializadas. O que se fixo foi exactamente o contrario: eliminar na práctica a principal garantía de especialización que xa existía.
Un procedemento cheo de sombras
Advertimos tamén de posíbeis incumprimentos durante o proceso selectivo. O artigo 22.2 da Lei de museos estabelece que entre as persoas integrantes do órgano de selección debe figurar obrigatoriamente polo menos un técnico ou técnica profesional de museos dunha das administracións públicas galegas. Segundo a composición coñecida do tribunal correspondente á convocatoria publicada no DOG o 8 de abril, este requisito non se tería cumprido.
Lembramos, ademais, que a libre designación non é un mecanismo para nomear arbitrariamente a quen se queira. O artigo 80 do TREBEP, os artigos 88 e 92 da Lei de emprego público de Galiza e o Decreto 151/2022 estabelecen que a elección debe basearse na apreciación discrecional da idoneidade das persoas candidatas. Mais, subliñamos que «discrecionalidade» non é «arbitrariedade».
A Administración non está obrigada a aplicar un baremo matemático, pero si a explicar por que a persoa elixida é a máis idónea en relación coas funcións do posto, cos requisitos da convocatoria e cos principios de mérito e capacidade.

Resultado: A persoa que encaixaba no novo deseño obtivo a praza
A persoa finalmente nomeada, mediante a resolución publicada no DOG do 28 de maio pertence, precisamente, a un dos colectivos incorporados pola modificación da RPT: é catedrática de ensino secundario.
Non entramos a valorar se é ou non a candidata máis capacitada, cuestión que está a ser debatida por unha parte importante da comunidade artística e cultural galega, estatal e internacional. Mais consideramos que os feitos son evidentes: primeiro modificouse a RPT, despois ampliáronse os colectivos que podían acceder á praza, desenvolveuse un procedemento no que existen serias dúbidas sobre o cumprimento da Lei de museos e sobre a motivación da libre designación e, finalmente, resultou nomeada unha persoa pertencente ao colectivo incorporado pola reforma. Demasiadas casualidades para un único procedemento.

Para a CIG este caso exemplifica a «institucionalización da dedocracia» na Administración galega. Non se modificou a lei que impedía o nomeamento, adaptouse a praza; non se reforzou a especialización, eliminouse; non se acreditou a superior idoneidade da candidata, simplemente designouse”, denuncian.
Dende a CIG exixímoslle á Presidencia da Xunta que rectifique, que respecte a legalidade vixente e que deixe de estragar a credibilidade das institucións públicas galegas. Así mesmo, anunciamos que o noso gabinete xurídico promoverá cantas actuacións e accións legais correspondan para depurar as responsabilidades que procedan.
Vergoña, dimisión, dedazo... SÓS_CGAC!