Novas por contido

O nomeamento da docente de ensino secundario Eva López Tarrío prodúcese após a modificación da RPT en febreiro para abrirlle o acceso á dirección a persoal funcionario desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais.

A Xunta decidiu adaptar a praza da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para facilitar unha designación discrecional allea ao perfil técnico, museístico e cultural que require unha institución estratéxica para o país e que foi un referente no nivel galego, do Estado español e incluso internacionalmente.

Así se explica que o pasado 20 de febreiro de 2026, a Administración levara á Mesa Sectorial a proposta de modificación da RPT da Consellaría. A medida principal consistía en abrir a dirección do CGAC —até entón reservada a persoal da Administración xeral e corpos vinculados ao ámbito museístico— á Administración do Estado, outras comunidades autónomas, Administración local e mesmo ao persoal docente.

A propia memoria xustificativa da modificación afirmaba que o posto posúe un “claro perfil técnico relacionado con coñecementos imprescindíbeis en arte contemporánea” e que a ampliación respondía á necesidade de garantir candidaturas con “formación e capacidade necesaria” para asumir a dirección do centro.

Porén, se realmente se recoñecía que a dirección do CGAC require coñecementos especializados e experiencia específica en arte contemporánea, o coherente tería sido reforzar os requisitos profesionais vinculados á museoloxía, á xestión cultural, á conservación patrimonial, á investigación e ao comisariado artístico. O que fixo a Xunta foi exactamente o contrario: diluír o perfil técnico até permitir o acceso desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais.

Sete días despois, o 26 de febreiro, a Comisión de Persoal aprobaba definitivamente a modificación da RPT co voto en contra da CIG e de CCOO, a abstención de CSIF e o apoio de UGT.

Consumouse así unha operación orientada a flexibilizar ao máximo os requisitos de acceso a unha das principais responsabilidades culturais da Xunta de Galiza.

A consecuencia directa do que denunciamos dende a CIG vémola agora nun grave conflito que abrangue ao propio persoal do CGAC e ao sector profesional da arte galega ao completo, que están a amosar a súa indignación e rexeitamento mediante o lema SÓS CGAC. 

Isto é un chanzo máis no desmantelamento efectivo dos servizos públicos e, nomeadamente, da cultura e a arte de Galiza, que a Xunta do PP executa cunha  patente falla de investimento real, e que agora vén de provocar, amais, a dimisión de tres dos cinco vogais do Consello Asesor do CGAC.

  

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...