Fomos convocadas á negociación dunha modificación da RPT con cambios debidos á redistribución de competencias entre Educación e Industria, co paso da Axencia Galega de Innovación (Gain) a Educación. Opoñémonos ás modificacións das xefaturas de negociado, e solicitamos a revisión das áreas funcionais.
A respecto da proposta de modificación de RPT que trae á mesa de negociación Gain, as nosas principais alegacións foron as seguintes:
- Creación do posto de dirección da Área de Servizos, aberto a outras administracións: indicamos que lle falta o código 640- PARA PERSOAL DOUTRA ADMINISTRACIÓN, CURSO DE PERFECCIONAMENTO DE GALEGO (R.I.). Ademais, criticamos os cambios no sistema de provisión, que deben xustificarse na memoria, e esta información non está. E non concordamos coa apertura ao Estado e outras comunidades autónomas, mentres que na Axencia argumentan que queren garantir a cobertura dun perfil moi técnico.
- Modificación do posto de Dirección da Área de Talento e Transferencia: non aparece modificado no listado de equivalencias da RPT, aínda que se menciona na memoria.
- Modificación do posto de xefatura de Centros (Ferrol): non entendemos por que se lle pon entre parénteses “Ferrol”, cando a súa codificación xa indica este muicipio co código 15350.
- Modificación das xefaturas de negociado da Área de Xestión: opoñémonos ao cambio de disposición, pois ditos postos estarán traballando nalgún dos departamentos, non para a dirección de Área da que pasan a depender; é máis, prodúcese un agravio ao non poñerlle a área funcional (ben sexa económica ou de contratación).
- Revisión das áreas funcionais: consideramos que existen postos que non teñen o que deberían ter como, por exemplo, a xefatura de sección de Xestión de Axudas, xa que a súa área funcional sería ECO (ECONOMÍA); ou a xefatura de sección do Departamento de Xestión Financeira e Contratación, que posiblemente podería ter a área funcional CON (CONTRATACIÓN). Por ese motivo solicitamos a revisión das áreas funcionais. Por parte de Gain contestaron que o van revisar.
Por outra banda, Gain aclarou que, a respecto as convocatorias de concurso específico, non teñen previsións, e están á expectativa do que faga Emprego Público, e das condicións doutros departamentos da Xunta, para manter unha coherencia.