Meses atrás o propio Goberno galego comezou a propagar a mensaxe de recuperación auspiciada polos datos macroeconómicos que non teñen reflexo na melloría da situación da clase traballadora. Recentemente a conselleira de Facenda aumentaba as previsións de crecemento económico do noso país dun 0,8% ao 1,2%.
Porén, este optimismo non se tornou nun incremento do gasto público en materia social, dirixido precisamente ás persoas que máis están sufrindo a situación de recortes de dereitos defendida e propiciada, en parte, polo propio Goberno autonómico. Todo o contrario, vemos, como neste caso, un aumento no gasto destinado a cuestións puramente de interese partidista: comprar espazos nos medios de comunicación.
Por suposto, como traballadoras e traballadores públicos tivemos que escoitar máis de unha vez que non había cartos para recuperar as nosas extras, abolir a lei de medidas ou mesmo para devolvernos a parte roubada da extra do 2012 que os propios tribunais recoñecen. Parece ser que senón, non daba para manter os servizos públicos esenciais... xa vemos o que interpreta este Goberno como “esencial”.
Contratos e convenios
Ao marxe das axudas que se establecen a través desta resolución, hai que ter en conta a cantidade de diñeiro de difícil control e seguimento que supón a publicidade institucional que contratan as diferentes consellarías: anuncios e campañas que teñen pouco de informativas e moito de botarse flores sobre as políticas desenvoltas. Cómpre destacar neste sentido a polémica campaña de Traballo e Benestar que pretende animar “o espírito reproductor”.
Ao anterior hai que engadirlle os mal chamados "convenios de colaboración" nos que os medios cos que se realizan reciben máis cartos a cambio de máis publicidade. Só por citar un exemplo podemos falar dos convenios da Consellaría de Medio Rural do 2º cuadrimestre do ano pasado (DOG 19/03/2014) onde só esta consellaría destinaba 1.018.000 € para convenios con diferentes medios de comunicación galegos.





