Outras informacións e conflitos xerais

CIG e UGT veñen de denunciar os servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta de cara á folga de Axentes Forestais e Medio Ambientais convocada para os vindeiros días 25 e 26 de xullo, que será indefinida a partir do 1 de agosto se non se avanza nas negociacións. Así se lle comunicou este xoves na xuntanza celebrada con Función Pública e as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para “negociar” estes servizos mínimos.

CIG e UGT aseguran que a postura da Administración “é inamovible, sen valorar as propostas da parte social, marcando uns servizos mínimos abusivos, do 100% do cadro de persoal en Medio Rural, sen ter en conta as previsións metereolóxicas benignas, que fan prever unha xornada libre de incendios pola situación climatolóxica”.

Pola contra subliñamos que os servizos mínimos que fixan para Medio Ambiente, son inferiores ao 20% o que, ao noso entender, pon de manifesto a diferenza de trato entre as dúas Consellerías para co traballo dos axentes forestais e medio ambientais. A Administración amosa unha actitude claramente discriminatoria, pretendendo que se realicen as mesmas funcións que con todo o cadro de persoal en activo, poñendo en risco a integridade e seguridade dos traballadores e traballadoras na realización das súas funcións, ao quedar un só axente por distrito.

Esta folga está convocada pola pretensión da Administración de empeorar as condicións laborais e salariais dos Axentes, en canto a quendas de traballo, descansos e as súas compensacións.