Outras informacións e conflitos xerais

O mércores 14 de novembro asistimos a unha xuntanza co director xeral de función pública para tratar diversos asuntos. Continuamos o venres 16, día no que tamén houbo unha Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos.

Carreira profesional

Continúan as discusións sobre a carreira profesional. O DXFP comunica algún cambio na súa proposta e fai algunha aclaración. A CIG non se conforma cos cambios anunciados. A negociación continúa.

  • A obtención de grao, que vai ser previa solicitude, dependerá do cumprimento de requisitos por negociar, pero deixa caer que iría ligado a un número mínimo de horas de formación.
  • Os importes de cada grao non os tocan. Insistimos na excesiva diferenza entre grupos: as cantidades da Agrupación Profesional non poden ser máis de tres veces inferior que as do A1.
  • O persoal laboral de categorías susceptíbeis de funcionarización terían carreira profesional coa sinatura dunha aceptación de funcionarización. Dispostos a estudar a inclusión das demais categorías non funcionarizábeis.
  • Ao persoal interino contaríanlle a antigüidade unha vez que boten un ano como funcionario de carreira.
  • Para os grupos C1, C2 e AP, o cobro do grao 1 pasa de 25% anual a 33%, polo que o 100% obtense en 3 anos (ano 2021). Os demais grupos continúan coa mesma devindicación (100% no 2022). Insistimos en que queremos acortar os prazos.

Orzamentos 2019

As contas xa as teñen botadas e non as cambian, así que co visto e prace de CCOO, CSIF e UGT, o 2019 será o primeiro ano en que as nosas retribucións van estar ligadas ao Producto Interior Bruto (PIB) en troques do IPC.

Anteproxecto de Lei de medidas para o ano 2019 e Acordo de mellora de emprego público e condicións de traballo

Nin falar da devolución das retribucións subtraídas coa Lei 1/2012 de medidas temporais. Non aceptan o cómputo de permisos por días hábiles. Aceptan bolsa de horas positivas (sen concretar) pero só para flexibilización por conciliación. Aceptan camiñar cara o permiso de paternidade de 9 ou incluso 12 meses pero sumando ámbolos dous proxenitores (non concretan). A xornada laboral ordinaria seguirá nas 37,5h. A segunda actividade de gardacostas déixana para negociación sectorial. O persoal fixo descontinuo de 9 meses do SPDCIF pasará a 12 meses. Aceptan que a conciliación e redución de xornada por menores de 12 anos se amplíe ata que o menor remate o curso escolar. A taxa de reposición de efectivos será do 100% (por tanto continúan autolimitándose na recuperación de emprego).