Novas por contido

Como non pode ser doutro xeito, a CIG-Autonómica quere, en primeiro lugar, transmitir as súas condolencias á familia do que foi o presidente da Xunta durante 16 anos. En todo ese tempo Fraga foi moitas veces a portada ou contraportada dos nosos boletíns.

Para ben ou para mal foi unha persoa de importancia para todos e todas as empregadas públicas da Xunta, non só para aqueles que estivemos baixo o seu mandato; tamén para os compañeiros e compañeiras que entraron posteriormente: a súa sombra é moi alongada.

Cando se produce o pasamento dunha persoa hai que ser correctos, falar das luces, e a CIG non vai ser menos: recoñecemos a súa enorme capacidade de traballo, a súa enerxía, a súa entrega .. con independencia do que cada un pense del como persoa, como político, como gobernante, e do seu enorme legado. Pero tamén hai sombras.

Estes días os medios de comunicación non deixan de lembrarnos os grandes feitos de Fraga, a súa vida, a súa carreira, as súas anécdotas e frases famosas. Entre esas pequenas anécdotas, a nós gustaríanos lembrar, por exemplo, o seu pasado franquista do que nunca se arrepentiu, as sentenzas de morte que asinou como membro dos consellos de goberno de Franco, os mortos por disparos da policía cando foi ministro da gobernación no  primeiro goberno da monarquía, a fundación de AP dende os restos do franquismo (Arias Navarro incluído), as súas críticas ao estado das autonomías e, nos últimos anos da súa vida, o seu chamamento a colgar de algún sitio aos nacionalistas. En fin, unha persoa, non cabe dúbida, que soubo adaptarse moi ben aos tempos.

O seu legado é abondoso, entre moitos destaca a Cidade da Cultura, o mausoleo que criou contra vento e marea, a maior dilapidación histórica de cartos da Xunta de Galiza, unha obra faraónica que nos quixo deixar, ao estilo de Ramsés II o Tutankhamón, e á que se accede por unha rúa que leva o seu nome.

Outro feito destacado do seu goberno é a administración paralela e os chiringuitos, que foron na súa maioría creados no seu goberno, un exemplo máis do que o estado dentro da súa cabeza entendía por administración. O clientelismo, xa fora nestes entes ou na propia Xunta, era o seu xeito de entender a Administración. Por todo isto podemos considerar a Fraga como o creador do Caciquismo Democrático Moderno; os Baltar non terían o poder que teñen se non fose grazas ao seu traballo.

A CIG-Autonómica, inimiga histórica das súas políticas clientelares e caciquís, denunciou en outubro de 2001 unha serie de viaxes a Cuba para recibir curas de rexuvenecemento, non en tanto o tempo é un factor que nin o león de Vilalba puido controlar. Non sabemos se no seu tránsito cara á dereita do creador pasará polo purguratorio pero do que si se librou foi do requirimento da xustiza arxentina para render contas polo seu pasado pre-constitucional, non chegou a tempo e non se fará xustiza. As típicas bágoas que Fraga botaba en multitude de acontecementos públicos, paparotas e demais, nunca lle saíron ao lembrar o seu pasado, unha mágoa que aquel vello enternecedor e agarimoso agochase na realidade un pasado tan escuro e do que ninguén falará estes días.

Non entanto cómpre tirar da sabedoría popular e dicir: Outros virán que bo te farán. A actual Xunta, xermolos nacidos na época Fraga, na súa maioría funcionarios da Xunta que aprobaron neses tempos, fan que, desgraciadamente, o botemos de menos. A actual deriva privatizadora dos Servizos Públicos, o gran retroceso na normalización da nosa Lingua, o desmantelamento da Administración Galega que está a levar a cabo o goberno Feijóo, converten a Fraga nunha personaxe, con todos os seu defectos, bastante máis desexable ca o actual goberno da Xunta. Ao noso pesar, hai que dicir que co Fraga (constitucional) viviamos mellor.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...