Novas por contido
A CIG-Autonómica denuncia que os contratos para a campaña de incendios a Natutecnia e INAER foron adxudicados “a dedo”

O CIG-Autonómica vén de presentar unha denuncia por presunto delito de prevaricación contra a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto e o Secretario Xeral Técnico; Francisco Vidal. Medio Rural adxudicou a Natutecnia e INAER o servizo de helicópteros e as cuadrillas contraincendios, segundo afirman, sen garantir os principios de concorrencia competitiva, igualdade e publicidade. As adxudicacións tampouco foron publicadas nin no DOG, nin no Boletín das Comunidades Europeas, como sería preceptivo.

Así, hai pouco máis de dous meses, en concreto o día 4 de xuño, a CIG-Autonómica alertaba da intención da consellaría de Medio Rural de privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Aseguraba ademais que, pola información á que tiveran acceso, a consellaría estaba a preparar un contrato para que unha UTE, formada por NATUTECNIA e INAER, se encargara das brigadas helitransportadas e as cuadrillas.

Finalmente o contrato foi outorgado por nin máis nin menos que 6,6 millóns de euros, fora de todo procedemento legal previsto. Por iso presentábase esta mañá a denuncia perante a fiscalía.

Tras do seu rexistro, Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica, valorou que existe, neste caso, unha evidente conduta delictiva, do momento no que hai dous meses xa se coñecían os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade, cando aínda non se fixera pública a convocatoria. “Cremos que son feitos gravísimos”, afirmou, “constitutivos de delito por fraude e prevaricación”.

Xunto a isto denunciou que vai supor un sobreprezo para as arcas galegas. “Se interviñeran outras empresas podería ser de entre 3 ou 4 millóns de euros, co cal se están a detraer ou defraudar 2 millóns de euros pola mala xestión que está a facer o PP”. De feito, e comparando cos custos que supuxo a contratación de helicópteros e das brigadas helitransportadas en anos anteriores, asegura que a hora unitaria de voo nos helicópteros está saíndo a 2.400 €, cando o prezo de mercado está en arredor de 1.000. “Polo tanto hai algún interese en darllo a estas empresas”, afirmou.

Precisamente por iso tamén se solicita da fiscalía que se investigue se hai algún incremento patrimonial das persoas implicadas nestes contratos ou das persoas do seu entorno familiar. “No caso de que houbera indicios, e iso puidera ser derivado destes contratos, o fiscal tería que actuar aplicando tamén o código penal”, matizou.

A CIG ten constancia de que 13 helicópteros da empresa INAER e 10 cuadrillas da empresa Natutecnia están traballando nas tarefas de extinción de incendios, sen ter constancia formal algunha.

Antes o persoal era seleccionado directamente polo servizo de prevención de incendios da Xunta, por Seaga ou por Tragsa. “É a primeira vez, e isto é insólito, que se contrata unha empresa privada para as cuadrillas de incendios. Que nós fosemos quen de avanzar ese dato dous meses antes quere dicir que estaba máis que amañado”, engadiu.

O procedemento negociado sen publicidade é para contratos de menos de 100.000 €. Neste caso, e segundo declarou Rosa Quintana, ascende a 6,6 millóns, o que segundo García obriga ademais a darlle publicidade no DOG, no Boletín das Comunidades Europeas e máis na Plataforma de contratación da propia Xunta de Galiza. Por iso o responsábel da Autonómica concluíu que a actuación da consellaría responde a que o PP “ten un sentido patrimonial da administración, que consideran súa”.

Descargar a denuncia presentada ante a Fiscalía

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...