Novas por contido

Adeus porque a túa carreira política chegou ao seu fin, de aquí para a casa, de Monte Pío ao teu pisiño de Vigo. Por moito que te agoches nas saias do esquecemento dos teus medios de comunicación subvencionados, xa non vas dar máis de ti. Pregúntalle a Pepe Blanco como lle vai coa súa gasoliñeira. Por moito que che aplaudan aló onde vaias, perdiches a túa forza moral e ese teórico respecto social que utilizabas para pedirmos sacrificios ás empregadas e empregados públicos.

Feijóo o austero, como ti mesmo te chegaches a chamar, o implacable, o que facía o que tiña que facer, o íntegro, o adaíl da dignidade, a conciencia crítica e pura dentro do Partido Popular, dicindo que non tiñas nada que ver coa Gürtel porque non estabas afiliado daquela, o que lle chamaba ás cousas polo seu nome… Todo iso e moito máis, e resulta que cando eras o secretario xeral da consellaría de Sanidade íaste de férias cun narcotraficante, ías ás festas da xente güai da man deste delincuente e paseábaste polo estranxeiro a gastos pagos. Resulta que cando mirábamos dende a area da praia de Samil ao lonxe, aí estabas ti navegando nun iate pagado con cartos do contrabando. Ti que velabas pola nosa saúde navegabas enriba de caixas de tabaco e ías ás festas cun camello a gran escala.

Caíches Feijóo, es un cadáver político, e canto antes te enterren, mellor. Eras o neno mimado de Romay, a grande esperanza branca do PP pero resulta que tiñas un pasado do máis negro (ou do máis branco). Ti que tes todos os datos na cabeza, que xestionaches consellarías de moitos cartos, privatizaches Correos e dirixes actualmente a Xunta de Galiza, agora non te lembras se nas fotos estabas en Andorra, en Suíza ou nos Picos de Europa, non te lembras se pagabas ti ou che pagaban todo, poñendo escusas como un vulgar delincuente acurralado nun xuízo.

Ti que poñías firmes aos empregados públicos, que dicías verdades coma puños, o primeiro en aplicar medidas pioneiras no Estado Español en cuestión de recortes no emprego público, o que aplicou o único recorte salarial nas Administracións Públicas neste ano 2013… e agora mírate, facendo comunicados de madrugada e dando mil escusas na prensa.

Non se vai amañar todo cando marches, non imos recuperar todos os dereitos perdidos tan pronto como deixes de ser presidente da Xunta. Pero agora imos agardar ao día que caias da cadeira, desa cadeira alta dende a que querías dar o salto a Madrid, porque nós, os galegos e galegas, eramos pouca cousa para ti. Feijóo, o primeiro en cumprir coas directrices da Troika, o que aplicaba as medidas e as defendía porque non había alternativa, o cumpridor do déficit, e agora non es máis que o amigo do narco, e así vas pasar á Historia.

Que che vaia ben Feijóo e cando deixes a política, xa sabes onde estamos, hai unha praza de funcionario da Xunta agardando para ti, unha praza da que nin tomaches posesión porque xa eras o secretario xeral da Consellaría de Sanidade cando saíches nomeado. Se non che buscan algo en Telefónica ou algo así, xa sabes que podes solicitar o reingreso e se tes algún problema, para iso estamos os sindicatos, para axudar aos traballadores. Ti ben o sabes que fuches delegado sindical e interino, que durmiches na moqueta e fixeches folgas reclamando dereitos que ti mesmo nos quitaches vinte anos despois. Os locais da CIG-Autonómica están abertos para ti.


Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...