Novas por contido

Anunciada o xoves despois do Consello da Xunta, o anteproxecto de Lei de racionalización do sector público autonómico, é o complemento necesario da lei de Orzamentos Xerais para levar a cabo unha política de privatización dos servizos públicos.

SUBSTITUÍR EMPREGADOS/AS PÚBLICOS/AS POR EMPRESAS PRIVADAS

Coa lei de Orzamentos a Xunta non só se limita a si mesma a posibilidade de poder ter máis persoal (non vai haber Oferta de Emprego Público, nin se vai poder contratar persoal a través das listas de contratación), senón que ademais se automutila ao impoñer que todas as prazas vacantes van ser amortizadas (amortizando tamén aquelas nas que hai persoal temporal ou interino) e que vai supoñer a redución da Administración Autonómica en máis de 1300 efectivos.

Derivado desta política a Xunta vai deixar moitos servizos ao mínimo e moitos non os vai poder prestar cos seus propios recursos.

É aquí onde vai operar a nova Lei de racionalización ao establecer o principio de autoprovisión que vai significar que os servizos que a Xunta non poida prestar con persoal propio o terá que facer recorrendo á contratación externa.

O aforro obtido coas amortizacións de postos, co despedimento de persoal que xa están levando a cabo en consellarías como Traballo, Educación e Medio Rural vai ser destinado a pagar a empresas que fagan mesmas tarefas que até agora se facían con empregados/as públicos/as. Ábrese un nicho de negocio para as empresas privadas que van ver unha porta aberta para a súa entrada na Administración e poder facer negocio a conta do Erario público.

Precisamente, nunha das áreas que o Vicepresidente subliña como propias de ser prestadas por empregados/as públicos/as, a Estatística autonómica, a Xunta acaba de adxudicar un contrato o día 3 deste mes a unha empresa privada por 338.000 € para contratar enquisadores e facer a Enquisa de poboación activa, cando a Xunta ten os seus propios enquisadores e non pode contratar máis directamente porque se autoimpuxo esa limitación nos Orzamentos.

COBERTURA LEGAL PARA PRÁCTICAS IRREGULARES NA CONTRATACIÓN EXTERNA

É ademais pura propaganda o rebaixar os límites da Lei de Contratos do Sector Público para os contratos negociados sen publicidade, cando a Xunta neste mesmo mes vén de recorrer a esa fórmula para adxudicar a dedo un contrato de 12.000.000 € a unha empresa de helicópteros tendo ademais a posibilidade de fraccionar os contratos por lotes.

XUSTIFICACIÓN DA CREACIÓN DE MACROENTES

Outro punto negro é a propaganda en relación á desaparición dos chiringuitos creados por Fraga. A política do PP foi fusionar eses chiringuitos e optar por facer desaparecer os centros directivos da Xunta para crear entes. Feijoo é o creador da Axencia Galega de Infraestruturas, da de Innovación, da de Modernización Tecnolóxica (esta última provoca unha auténtica sangría orzamentaria da que saen millóns de euros para empresa privadas) etc, desregulando e creando reinos de taifas de dubidosa eficacia na Administración Pública.

CONTROLARSE A SI MESMA

E finalmente os controis que vai establecer para a creación de entes e evitar a duplicidades a través dun informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e de auditorías internas non constitúen ningunha garantía, xa que eses instrumentos están en mans dun goberno monocor.

En definitiva, estamos ante unha lei que:

· Amparándose nun déficit provocado de persoal vai aproveitar esta circunstancia para privatizar sectores da Administración e servizos ata o de agora prestados por empregados/as públicos/as.

· Vai deteriorar eses servizos prestados aos cidadáns ao introducir o criterio do beneficio empresarial fronte ao de servizo público.

· Vai significar darlle cobertura legal a prácticas escuras na contratación con empresas.

· Mantén a dispersión administrativa agrupando en macroentes os atomizados chiringuitos da era Fraga.

· Elude establecer controis, incluídos os dos representantes dos traballadores/as, sobre a creación de novos entes.

· Finalmente se configura como unha lei de tapadillo que non foi negociada, como é obriga legal, en ningunha mesa de negociación nin na Comisión de Persoal da Xunta.

Outras novas recentes

Luns, 03 Agosto 2026

Modificación da RPT de Medio Ambiente e Cambio Climático (29/07/2026)

Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de  traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...
Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...