Novas por contido

Despedimentos, supresión de postos, imposición, mala fe. Esto é o que o goberno do PP entende que é unha mesa de negociación. Varios centos de follas que debemos ler en escasamente unha xornada de traballo. Un simple formulismo, un trámite a cumprir.

O venres 26 os representantes da Administración volveron a impoñer a súa vontade sen mover unha soa letra no que chamamos Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, na que discutimos a proposta de modificación das relacións de postos de traballo das consellarías de Traballo e Benestar, Cultura e Educación, Instituto de Estudos do Territorio, e o decreto polo que aproban os estatutos do IGAPE. Unha vez pasada a Mesa, agora ven o último trámite previo á súa aprobación definitiva: a Comisión de Persoal o martes 30 de abril.

Para comprender a actitude da representación da Administración coa representación dos traballadores e traballadoras non hai mais que fixarse no seguinte: oito actas cunha antigüidade de seis meses algunha delas que debemos revisar e alegar (quen se lembra seis meses despois?), tres relacións de postos de traballo, uns cuantos centos de páxinas (memorias funcionais, informes de función pública, anexos repletos de códigos), un decreto cos estatutos dunha axencia (o IGAPE), e para estudar todo ese volume e preparar as nosas alegacións, tan so tivemos unha xornada laboral.

Ante a prepotencia e negativa a negociar da Administración, CIG, UGT e CSI-F, despois de expoñer os nosos puntos de vista, decidimos marchar da Mesa cando a Secretaria Xeral de Traballo afirmou que non ía mudar nada. Así que o noso tempo está mellor empregado fora, falando cos medios de comunicación (aos que previamente convocáramos sabedores da negativa da Administración).

 

RPT de Cultura e Educación

Comezou o secretario xeral contándonos a película da súa vontade negocial e do bos que foron que até mudaron algunha cousa. A CIG espetoulle na cara que mentía, que os cambios que fixeron foron cousas menores ou simples correccións técnicas, e que xa nas xuntanzas previas el mesmo manifestara que a proposta era definitiva e que non ían facer ningún cambio. Logo, que se deixara de contos.

  • Non aceptamos a xustificación de restriccións orzamentarias, pois:

    • As restriccións as impuxeron eles mesmos.

    • Para determinados postos non hai restricións, como é o caso da creación das vicesecretarías xerais.

    • Certo que eses postos veñen impostos pola estrutura, pero foron eles quenes a decidiron, e eles mesmos teñen a capacidade de mudala cando quixer.

  • Hai outros cambios que non requiren orzamentos, e tampouco os aceptan:

    • Abren unha chea de postos sen reciprocidade a outras administracións, incluidos docentes.

    • Manteñen a "experiencia" como requisito imprescindíbel para optar a determinados postos. Se non a retiran, polo menos poderían converter o requisito en mérito.

    • Titulitis (hai seccións con requisito de dereito en servizos nos que o xefe non ten ese requisito).

    • Abren algún posto á local xustificando que é en “previsión” de que no futuro modifiquen a lei de administración local e sexa convinte ... bla, bla.

  • Non estamos conformes coas amortizacións. So por poñer un exemplo: en cultura liquidan 30 postos dos que 12 están ocupados. Deles 5 son subaltalternos da biblioteca de Compostela o que lles obrigará a, ou ben pechala máis horas, ou ben meterlle o traballo aos vixiantes, que non están para eso.

  • En definitiva, non hai vontade de negociación, teñen as decisións tomadas, e por tanto a CIG ten claro que estamos a perder o tempo, polo que optamos por facer denuncia pública.

Na resposta, o secretario xeral xustificou a creación do posto de vicesecretario con dous argumentos: que ven dado da estrutura, e que se crea financiado coa amortización dun servizo. A xustificación da estrutura non vale, posto que eles decidiron a estrutura e eles poden mudala; o argumento de que foi financiado cun servizo tamén é un conto: estamos fartos de ver como teñen amortizados postos baixos para crear servizos, subdireccións xerais, ..

 

RPT do Instituto de Estudos do Territorio

Unha vez máis nos encontramos ante unha proposta de modificación dunha relación de postos de traballo por mor dunha sentenza de indefinición. O manda un xuiz, e por tanto a CIG non ten máis que aceptalo. Pero como sempre, exiximos que se tomen medidas políticas e disciplinares contra as persoas que pola súa acción ou deixación son os causantes das sentenzas. E como sempre, non hai resposta, non tomarán medidas, non haberá responsabilidades.

 

Proxecto de Decreto polo que se aproban os estatutos do IGAPE

A pesares do establecido na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA), boa parte do establecido nos estatutos presentados pola administración exceden as potestades desta, polo que só se poden aprobar mediante unha norma con rango de lei.

Deste xeito entendemos que o texto proposto pola administración non deixaría de ser un pacto ou acordo coas OOSS que carecerá de eficacia directa, de forma que o amparo do establecido no punto 3º do artigo 38 do EBEP se lle debe remitir unha copia do texto que finalmente se aprobe na comisión de persoal ao consello da Xunta,  para que proceda á elaboración, aprobación e remisión o Parlamento de Galicia dun proxecto de Lei relativo o Estatuto da Axencia “Instituto Galego De Promoción Económica”, debendo conter este texto a  lo menos referencia  a Natureza, fins e funcións,Organización, e Recursos, réxime económico, persoal e control do novo ente.

 

RPT de Traballo e Benestar

A CIG expresou a súa vontade de negociar partindo de cero, polo que a nosa intervención foi un alegato á retirada do conxunto da proposta e a sentarnos con vontade de entendemento, non de imposición. Respecto da presente proposta dixemos:

  • Estamos ante unha proposta indecente e non imos discutir coa administración a destrución de máis postos de traballo.
  • Amortizan 102 postos pero poderían ser 180, ou 221, ou os que queiran.
  • Non imos ser cómplices do desmantelamento das unidades da dependencia de Ferrol, Santiago e Vigo, do complexo xuvenil de Gandarío, das residencias de tempo libre, do despedimento dos laborais indefinidos que supervisan as subvencións finalistas con fondos europeos, das amortizacións dos intrutores de formación ocupacional e así externalizar as dotacións de formación de medios propios, ...
  • Non aceptamos participar no incremento da taxa de desemprego para axudar a alcanzar os 300.000 desempregados e desempregadas na Galiza.
  • Non aceptamos negociar o empobrecemento da clase traballadora galega nin, por ende, o desmantelamento dos servizos públicos para precarizar aínda máis os servizos sociais a prestar á sociedade.
  • Non aceptamos a xustificación de redución de postos baseados na desaparición de dotacións orzamentarias xa que son os mesmos que propoñen esta redución os que aprobaron a eliminación orzamentaria dun significativo número de prazas.
  • Non aceptamos as políticas que non se encamiñen á creación de riqueza para a nosa sociedade, tanto para os traballadores como para os administrados.
  • Si negociaremos unha rpt que comprenda unha resposta máis contundente cara a resolver os problemas de empobrecemento da nosa sociedade.
  • Non aceptamos que esta RPT produza unha minoración dos servizos prestados para así ter argumentos para a súa privatización e lucrar a entidades alleas á administración que so buscan a maximización dos beneficios.
  • Queremos negociar a potenciación do servizo da dependencia que axilice os trámites para o recoñecemento dos distintos graos de depdendencia e así axudar ás familias máis necesitadas do país. Queremos negociar a dotación dunha efectiva carga de traballo durante todo o ano do complexo xuvenil de a mariña. Queremos negociar solucións que permitan ás residencias de tempo libre de Patos e o Carballiño unha ocupación ao longo de todo o ano. Queremos negociar que os laborais indefninidos segan controlando as subvencións finalizas easí como outras liñas de traballo que permitan unha mellora do mercado de traballo e abrindo oportunidades de negocio para a empresa.
  • Si á negociación na mellora das condicións de traballo dos empregados públicos e na mellora e potenciación dos servizos públicos. Si á negociación de actuacións que permitan unha mellor calidade de vida da sociedade galega.

Os sindicatos UGT e CSIF mantiveron unha liña similar. CCOO, pola contra, si entrou a negociar.

No turno de réplica, ante a negativa da consellaría a retirar a proposta, CIG, UGT e CSIF abandoamos a sala. CCOO permaneceu na xuntanza. Fora falamos cos medios de comunicación.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...