Novas por contido

O xoves, 20 de xuño, a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais celebrou un pleno ordinario, do que informamos dos principais acordos:

  • Créase formalmente un grupo de traballo multisindical sobre a problemática das comisións de servizo: a súa función vai ser recompilar e denunciar os incumprimentos máis flagrantes da exigüa normativa actual. Desde a CIG insistimos en que ademais de deixar constancia por rexistro, hai que estar enriba e facer presión en persoa de xeito continuo, acompañándose dalgunha acción reivindicativa. Tamén se destaca a necesidade de demandar dunha regulamentación máis obxectiva e transparente á hora da súa concesión. Infórmase da campaña de recollida de sinaturas levada a cabo en Lugo.
  • Abordase a problematica das asistencias técnicas con novas denuncias concretas con nomes e apelidos e funcións na extinta Consellaría de Medio Ambiente. Dado o avanzado desta situación vaise levar directamente aos grupos parlamentares xa que na vía administrativa o silencio é a resposta por defecto. Desde a CIG, e dada a degradación deste tema, retómase a necesidade de levar a cabo a acción reivindicativa aprobada no pleno anterior de personarnos na sede dunha empresa prototipo de asistencias técnicas e presentar os nosos curriculos, dado que hoxe en día é o xeito "habitual" de traballar na Xunta.
  • Destácase que continúa o uso para cuestións persoais dos coches oficiais da Xunta, e non só aqueles rotulados ou de altos cargos. Xa que logo, e dado que a Administración non lle puxo remedio, acórdase enviar á prensa os datos concretos dos que se dispoñen (matrículas, fotos, etc.). No ámbito da denuncia, e dado que a Consellaría da Facenda o encubre, tamén se acorda levar á prensa o caso do subdirector do Tesouro que empregaba o seu cargo e recursos da Xunta para cuestións persoais.
  • Outras das cuestións máis destacables do pleno foron algunhas iniciativas presentadas pola CIG como: a tramitación totalmente electrónica das solicitudes de permisos, a problemática do persoal da AMTEGA nas instalacións da Cidade da Cultura, que son tratados como traballadores de segunda para algúns aspectos, diversos problemas de calidade nas máquinas expendedoras, problemáticas de acceso ao aparcadoiro de San Caetano e a deficiencia de información dos traslados de persoal entre os diferentes centros administrativos dos Servizos Centrais. Tamén se tocaron os temas do seguro de accidentes para o persoal da Xunta (mellorar de condicións e tramitación de oficio), así como a solicitude de nomeamento de asesor/a confidencial, consonte a Lei de Igualdade, para casos de acoso.
  • No punto de varios tamén se acordou que se solicitasen límites de velocidade e que se volvesen a pintar os pasos de peóns dentro dos recintos de San Caetano e San Lázaro.

Queremos rematar esta información da Xunta de Persoal sinalando que a CIG non foi capaz de sacar adiante unha iniciativa de facer unha consulta entre o persoal traballador sobre a Lei do Emprego Público, que se está a tramitar actualmente co obxecto de dar a coñecer a proposta e que esta transcenda tamén entre a cidadanía. Dende a CIG tamén manifestamos, así e a todo, que a nosa mán está tendida para a colaboración co resto de organizacións sindicais, pero entendemos que o momento é agora e non se pode agardar a facer algunha tipo de acción que deixe claro que estamos en contra, entre outras, do persoal directivo e dunha  avaliación do rendemento 100% subxectiva que poida condicionar a nosa necesaria independencia e profesionalidade.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.