Novas por contido

A Dirección Xeral de Comercio estivo sen directora desde que cesou Nava Castro pouco antes das eleccións galegas do ano pasado. Non foi ata o Consello da Xunta do 17/01/2013 cando a antiga subdirectora, Sol Vázquez, foi nomeada como directora deixando o posto de subdirección vacante desde entón.

Desde mediados deste mes e trala resolución dunha comisión de servizos con ata 10/10/2013, segundo datos de Función Pública,  este posto foi cuberto de xeito temporal a espera da convocatoria pública da libre designación. Neste caso, cando menos a consellaría recorre a persoal da propia Administración e non traen xente de fóra para postos de Administración Xeral, incrementando o gasto, como é tan habitual en Educación ou Sanidade.

A Dirección Xeral de Comercio é unha pequena unidade da pequena consellaría de Economía e Industria; pequena con relación ao que gasta a Xunta en xuros da débeda (que non é pouco) pero non tan pequena tendo en conta os 600.000€ que se gasta en convenios coa prensa para difundir “contidos de interese para a sociedade galega sobre actuacións relacionadas co ámbito competencial da consellería”. Na dita unidade hai consignados 17 postos na Relación de Postos de Traballo, dos cales 4 son de libre designación. Actualmente, segundo datos do directorio telefónico da Xunta, están 16 ocupados; un deles, recentemente, tras 10 meses vacante: o posto de subdirección.

A actual Lei de Orzamentos, no seu artigo 25, especifica que todo posto vacante deberá ser amortizado, argumento proposto pola  Xunta e aprobado polo Parlamento como base legal para amortizar centos de postos por concurso nas diferentes rpts. A Xunta defende que os posto de subdirección e xefaturas de servizo, de libre designación, son postos estruturais e por tanto non lles aplica este mandato.

Porén, a pesar de ser estruturais, casos como este demostran que moitos dos postos de libre designación non son absolutamente necesarios. De feito, a Xunta ten unha estrutura mastodóntica cunha relación de postos de subdirección e xefaturas de servizo desproporcionadas para o número de traballadoras e traballadores públicos que deles dependen. No caso que nos ocupa hai 1 subdirección e 2 servizos para coordinar a 13 persoas (a outra dependería directamente da directora xeral); todo un despropósito vendo os ratios que manexan noutras Administracións.

O que está facendo a Xunta é aplicar a “racionalización” onde non se precisa, facendo que despois o traballo de base teña que ser realizado por asistencias técnicas ou mesmo bolseiros. A necesidade de postos de traballo queda patente a través da denuncia que facíamos en xullo da convocatoria de 4 bolsas da Dirección Xeral de Comercio, outro ano máis. E tamén outro ano máis seguirá 1 asistencia técnica que cobra dunha fundación pero fai traballo de traballadora pública, coma no caso dos bolseiros que pasaron por Comercio e os que pretenden que sigan pasando.

Coma no caso dos recortes en xeral, vemos que o de apertarse o cinto non é igual para todo o mundo: precisamente faise máis presión sobre as persoas que menos teñen e menos sobre as que máis poden achegar. No caso da Xunta, e estruturalmente falando, o recorte vai sempre por abaixo cun obxecto ben claro: alí onde fai falta un traballador público, a Xunta  non o pon na RPT, senón que contrato unha empresa, fai un convenio cunha fundación ou saca unha convocatoria de bolseir@s. Porén, os postos de libre designación non se recortan pois están sendo usados en boa medida como pagamento de favores. Senón, non se explica que cantidade de compañeiras e compañeiros con anos de experiencia segan “ao dispor” ou en “adscrición provisional” mentres persoas recén chegadas ocupan postos que deberan ser de responsabilidade.

Outras novas recentes

Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Luns, 08 Xuño 2026

Caos nas listaxes de contratación

O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez...
Mércores, 03 Xuño 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (para CP 05/06/26)

Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do luns 01/06/2026 onde se tratou a proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, agora a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal vén de convocarnos a unha Comisión de Persoal que terá lugar o venres 05/06/2026, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de...