Novas por contido

Nas últimas xuntanzas con representantes da Administración autonómica, a Xunta deixoulle claro á CIG que: vai manter o plus dos altos cargos, vai continuar introducindo  persoal directivo na Función Pública e se nega a poñerlle límite ao custo dos asesores políticos.

Actualmente a Xunta gasta 6,7 millóns de € ao ano en persoal eventual, aquel que segundo a Lei de Función Pública actual é de libre nomeamento das persoas integrantes do Consello da Xunta. Pois ben, ante a proposta austera da CIG de limitar este gasto na propia lei de función pública, a Xunta non só a rexeitou de plano, senón que decidiu eliminar da lei a súa característica de “non permanente” da relación deste persoal. Isto significa que a permanencia deste persoal nomeado a dedo para facer funcións de asesoramento político sairía reforzada.

Por outra banda, a Xunta segue sen cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas que no seu artigo 17 lle obriga a publicar nominalmente na súa páxina web as retribucións públicas percibidas polo persoal eventual, entre outros, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos.

Ao día de hoxe esa lista non está dispoñible e só a consellaría de Facenda cumpre parcialmente esta obriga ao recoller as retribucións das 2 persoas do total de 8 que hai neste Gabinete.

Estas tres son só unhas pinceladas do que se pretende con esta nova Lei da Función Pública: blindar a Administración autonómica para os intereses de quenes mandan, pensando nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da empresa privada sen pasar unha oposición. Para a CIG estes son claramente 3 exemplos onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos esenciais.

Por outra banda, este deseño extremadamente politizado da Administración autonómica, redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos. Nesa lei proponse a discrecionalización dos seus dereitos e unha "avaliación do rendemento" subxectiva e non profesional co obxecto de defenestrar a súa carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados políticos.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...