Novas por contido

A CIG desenvolveu este mércores 12 concentracións diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza en rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de orzamentos presentados polo Goberno galego para 2015, uns orzamentos continuístas que afondan na destrución dos servizos públicos, no recorte das condicións laborais e salariais das súas empregadas e empregados e que non permitirán recuperar o traballo destruído.

Dende o ano 2010 os traballadores e traballadoras ao servizo das administracións perderon un 30,9% da súa capacidade retributiva. Ademais, séguese afondando nas diferenzas salariais entre o persoal das distintas administracións, xa que “o Estado recuperou o cobro íntegro das pagas extraordinarias, mentres que a Xunta mantén o recorte do 40% nas dúas pagas, o que implica unha nova baixada do 7% dos nosos salarios para o próximo ano”.

Criticamos que o Executivo de Feijoo siga o ditado de Madrid e manteña a taxa de reposición no 0%, agás no caso dos servizos esenciais (como saúde ou ensino), que se sitúa nun 50%, claramente insuficiente para cubrir as vacantes producidas nos últimos anos. Por iso estes orzamentos implicarán a desaparición de servizos públicos e o aniquilamento total doutros. Xa estamos vendo, a día de hoxe, o que isto significa para a administración: externalización e privatización dos servizos públicos”. Unhas privatizacións que están no fondo dos escándalos de corrupción que a diario se destapan.

A CIG demanda un cambio nas políticas neoliberais do executivo galego; a recuperación do poder adquisitivo do persoal dependente da Xunta de Galiza e a supresión dunhas taxas de reposición que afogan os servizos públicos minguando a súa calidade. Isto xunto coa exixencia de que se devolvan, enteiras, as pagas extra de todos estes anos.

Ausencia de investimento produtivo

A formulación dos Orzamentos da Xunta entra en contradición coas propias perspectivas de crecemento económico defendidas dende o Goberno do PP. “Se é certo que vai haber recuperación económica e o PIB galego vai medrar, o normal sería que a Xunta modificara as políticas de austeridade e recortes e apostara por recuperar uns servizos públicos que son fundamentais para a calidade de vida e para xerar emprego, que é o gran problema que temos”.

Pero a orientación das contas da Xunta non camiña nesta liña, de igual xeito que non se incrementa o investimento público nin o investimento nos sectores produtivos que contribúa a reactivar a economía. Neste senso, criticamos que o PP fundamente as políticas de recuperación en precarizar condicións laborais e rebaixar os salarios baixo o argumento de aumentar a competitividade e as exportacións, cando os países da UE aos que fundamentalmente exporta o Estado e Galiza se atopan nunha situación de crecemento mínimo e mesmo corren serio perigo de entrar en recesión.

“Coa caída dos salarios e a precarización non se vai reactivar o consumo interno -hai que lembrar que a grande maioría das empresas galegas producen para o mercado interno- e polo tanto non se reactivará a economía nin se xerará emprego. Con este tipo de orzamentos e de políticas non vemos saída nin que mellore a situación de anos pasados. Séguese a destruír moito emprego indefinido e a cambialo por emprego temporal e, sobre todo, por emprego a tempo parcial”.

O PP pretende trasladar unha visión moi positiva á cidadanía de cara aos procesos electorais do 2015 “nos que o se xoga perder a maioría absoluta”. A realidade, non obstante, é que nos seguimos movendo en índices de desemprego históricos, cunhas cifras alarmantes de parados/as de longa duración e de traballadores/as que non cobran ningún tipo de prestación -e que se atopan en serio perigo de caer nunha situación de pobreza e exclusión social-, mentres se seguen deteriorando os servizos públicos e os sistemas de protección social.

{phocagallery view=category|categoryid=20}

Outras novas recentes

Venres, 17 Xullo 2026

Datas dos concursos de traslados e procesos selectivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do xoves 16, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu información actualizada das previsións das datas de toma de posesión dalgúns concursos de traslados e procesos selectivos. Indica a DXEP que debido ás incidencias técnicas das últimas semanas, tiveron que ampliar os prazos (como foi en corpos xerais ou escalas sociosanitarias) para...
Luns, 20 Xullo 2026

Esiximos novas avaliacións de riscos para gardas e axentes ambientais

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no...
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...