Novas por contido

A CIG Autonómica presentou en rolda de prensa o Plan de renegociación da débeda salarial contraida pola Xunta co persoal funcionario e laboral do V Convenio.

O plan proposto foi entregado por escrito no rexistro, dirixido ao Presidente da Xunta, e contempla a devolución en tres anos de todas as cantidades detraídas dos salarios nestes últimos anos, que supuxeron unha importante perda de poder adquisitivo para as empregadas e empregados públicos da administración autonómica.

O obxecto deste Plan, segundo explicou o secretario nacional da CIG-Autonómica, Roberto Varela, é a estruturación das obrigas salariais contraídas co persoal funcionario e laboral do V Convenio da Administración da Xunta de Galiza. “Parte do recoñecemento desas obrigas por parte do debedor –Xunta de Galiza- e unha proposta para negociar sobre os prazos para facer efectiva a absorción desa débeda”.

Prevé ademais que os acordos acadados sexan remitidos ao Parlamento de Galiza como proxecto de Lei de modificación dos Orzamentos Xerais da Administración da Xunta de Galiza para 2015.

“O obxecto serían as cantidades adebedadas derivadas da falta de remuneración do traballo efectivo e que cobraron forma mediante a minoración salarial, principalmente a través das sucesivas leis de Orzamentos, incluída a deste ano”, matizou Varela, quen explicou que como punto de partida na modificación dos orzamentos 2015 habería que contemplar o 100% do complemento específico e equivalente para o persoal laboral; o soldo base e trienios en igual contía nas 14 pagas e as retribucións íntegras, que serían actualizadas co IPC galego.

Partindo desta base, o importe do resto das débedas contraídas se liquidaría nun prazo de 3 anos:

En 2015 pagaríanse as detraccións salariais do ano 2012, cun incremento do 5% máis o pago dos xuros xerados polo importe total da débeda, ademais do importe do FAS, atendendo ao acordo de 2009.

En 2016 pagaríanse as detraccións salariais do ano 2013, cun incremento do 5% máis o IPC galego, o pago dos xuros xerados polo importe total da débeda e a introdución na estrutura salarial, como salario directo, das cantidades equivalentes ao Fondo de Pensións do Estado.

En 2017 pagaríanse as detraccións salariais do ano 2014, co incremento do 5% máis o IPC galego e o pago dos xuros xerados polo importe total da débeda e liquidación.

En todo caso Varela especificou que o sector estaría disposto a dar todo tipo de facilidades no relativo a prazos e conceptos, actuando de xeito flexible, de cara a que a parte debedora poida dar cumprimento ao acordado.

O custo estimado da medida sería de 30 millóns de euros para 2015, tendo en conta que é a paga extra completa de 2012 para 10.000 funcionarios/as e 10.000 laborais, e 25 millóns de euros para os anos 2016 e 2017.

Financiamento

Para o seu financiamento Manuel Gallardo Canitrot explicou que a Disposición Transitoria segunda da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais de Galiza para 2015, crea un Fondo de Continxencia  dotado con máis de 125 millóns de euros que, segundo esa disposición, poderá empregarse excepcionalmente para os axustes do Capítulo I en relación á devolución da extra de 2012.

“Para o persoal funcionario e laboral só terían que utilizar no ano 2015 a cuarta parte do Fondo, e se se pon en relación co total de ingresos e gastos, suporía o 0,3% do total dos orzamentos”, matizou Canitrot.

Fronte a isto o secretario nacional subliñou que mentres se recortaron os salarios do persoal, o gasto en altos cargos incrementouse dos 6.599.282 € do 2014 aos 6.700.886 € en 2015 e que o persoal eventual (asesores) pasou de 5.668.255 € en 2014 a 5.792.698 € en 2015.

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...