Novas por contido

Axentes ambientais e forestais de toda Galiza manifestáronse este xoves en Santiago de Compostela para reclamar un acordo que regule as súas condicións laborais fronte ás pretensións de Función Pública de incrementarlles aínda máis a xornada excesiva que xa realizan. A marcha partiu dende a Consellaría de Medio Ambiente ao berro de "axente forestal, dignidade laboral" e rematou diante do edificio administrativo de San Caetano. Alí, os e as empregadas sumaron a súa loita a das traballadoras do servizo de limpeza da Xunta que están desenvolvendo unha batalla pola igualdade salarial e contra a sobrecarga de traballo.

Traballadores e traballadoras de ambos colectivos recoñecéronse na súas loitas e acabaron reclamando ao unísono unhas condicións de traballo dignas baixo a consigna "a igual traballo, igual salario" ou "dignidade laboral". A precariedade é unha das consecuencias máis inmediatas das reformas antiobreiras aplicadas nestes últimos anos, agravada polos recortes nos servizos públicos e a parálise na negociación colectiva que, do mesmo xeito que a patronal, a administración tamén ten secuestrada. Razóns todas estas polas que a CIG ten convocada folga xeral do vindeiro 19 de xuño.

A Xunta pretende impor un acordo "inadmisíbel"

Dende a representación sindical lembran que o colectivo de axentes ambientais e forestais leva dende 2007 sen un acordo laboral que regule cuestións fundamentais para este persoal funcionario da Xunta como o horario e xornada, plano formativo, permisos, segunda actividade, compensacións por exceso horario, especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros.

Agora, coa escusa da urxencia para ter listas as faixas de seguridade dos núcleos rurais, estradas, vías do tren, liñas eléctricas, etc., ante o inicio da temporada de lumes; a dirección xeral de Función Pública pretende impor un aumento das gardas de case o 50%, ampliando a excesiva carga horaria de máis de 190 horas ao mes, durante seis meses, que xa teñen. Hai que lembrar que, a causa da vaga de lumes que arrasou Galiza en outubro pasado, a Xunta decidiu ampliar parcialmente esas faixas de protección que xa estaban contempladas na lexislación dende o ano 2007, pero que o PP de Feijoo recortou cando accedeu á Xunta.

"Isto non é algo novo, levamos facendo o traballo de control e informe das franxas dende 2007", afirma Zeltia Burgos, da CIG-Administración Autonómica, pero con esta escusa a Xunta "dinos que temos que traballar máis horas, sen ter en conta o estrés ou a especial responsabilidade que debemos asumir no nosos traballo". Burgos engade que falta persoal e que esta situación afecta "tanto á seguridade dos traballadores e traballadoras como da cidadanía".

Incremento do 50% das gardas

A este respecto, sinala que o persoal leva 10 anos demandando unha redución do cómputo horario  xunto a unha suba salarial. Porén, na proposta de acordo remitida a pasada semana, a Xunta converte en dispoñíbeis todas as noites do ano, incrementa un 50% as gardas, ofrecendo 3€ por garda, "co que cobraríamos arredor de 12 euros por día de traballo, que non dan nin para xantar". As gardas, continúa explicando Zeltia Burgos, son de 12 horas e a administración non pon sobre a mesa un incremento real do cadro de persoal dimensionado á carga de traballo.

"Dende a CIG rexeitamos a totalidade do documento porque é inasumíbel. Ademais, nin sequera recolle as propostas anteriores formuladas na Mesa", denuncia. Entres outros puntos, Burgos referiuse á segunda actividade, á posibilidade da xubilación anticipada cos coeficientes redutores (a terceira parte do cadro de persoal supera os 55 anos),  ou á especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros.  "Para nós é indispensábel que todas estas cuestións estean enriba da mesa para poder chegar a un acordo", aseverou.

Diante desta situación, Burgos non descartou a convocatoria de folga no sector e lembrou que a CIG ten convocada folga xeral o 19 de xuño. "Somos xente de loita e imos loitar até o final", afirmou.

Outras novas recentes

Luns, 20 Xullo 2026

Altas temperaturas no SPIF

Hidratación, avituallamento e medios de apoio A CIG solicita á Consellería do Medio Rural medidas preventivas para garantir a seguridade e a saúde do persoal que permanece longos períodos fóra da base durante episodios de calor. A SITUACIÓN Coas vagas de calor que estamos sufrindo, o persoal do SPIF está sometido a un estrés térmico engadido ao propio estrés térmico da súa...
Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...
Martes, 28 Xullo 2026

Plantón sindical na Mesa Xeral pola non negociación dun acordo para o Persoal Non Docente

A Consellería da Imposición e falta de Educación, segue a mofarse do Persoal da Administración e Servizos dos centros educativos, e levan á Mesa Xeral de negociación a modificación da relación de postos de traballo (RPT), sin propoñer nin dar datas de cara á negociación dun Acordo Marco de condicións de traballo para o persoal non docente dos centros, motivo polo que xa...