Novas por contido

Un ano tras outro algunhas directivas de centros de ensino poñen dos nervos a compañeiras e compañeiros que se ven sometidos a caprichos, chantaxes ou caramelos para que abran o centro e atendan oposicións de docentes, cursos de CEFORE, probas de CELGA, xornadas da consellaría de traballo e xornadas de votacións políticas.

Atopámonos moitas veces estas preguntas de “se teño a obriga de atendelos, porque me dí o dire que o teño que facer por ser no centro onde traballo…”.

Pois non, non tes obriga. Son traballos voluntarios, non poden impoñelos. De feito está regulado o seu cobro en dietas se te ofreces voluntario. E se alguén cho quere impoñer, esixe a orde por escrito. Se se negan a dar a orde por escrito e non hai testemuñas da orde verbal, a orde non existe. Si hai testemuñas, fai constar ti por escrito que recibiches a orde (indica por escrito quen é a testemuña e rexistra o escrito). Todo por se hai que actuar diante do xulgado (primeiramente podemos tentar falar coa Xefatura Territorial).

A consellería ten regulado o cobro por prestar servizos "extraordinarios" salvo nos procesos electorais que debería correr á conta da Xunta Eleitoral; o sentido común xa nos di que estamos a falar de colaboracións voluntarias. Se non hai ninguén do centro que o queira facer, terán que buscar a colaboración en xente de fóra do centro. Ti podes negarte.

Temos visto de todo: bautizos masivos de relixións diversas, coidado do gando do señor director, abrir os domingos para botar un partido, gravacións de películas, cursos dos concellos. Case sempre contarán coa complicidade do director/a que endosará a apertura do centro ao persoal subalterno, e a limpeza ao persoal propio. Unhas veces cobrando, outras non. Eles cómense o marrón; o director ou directora aparecerá cando lle pete, se é que aparece.

Todos eses "servizos extraordinarios", incluída a apertura e limpeza dun centro para cursos, oposicións ou xornadas de votación, son engadidos que nada teñen que ver co traballo polo que che paga a consellería. O director ou directora acepta pola súa conta e risco que se celebre o evento no centro, seguramente recibindo a cambio algún tipo de emolumento (ás veces tamén llo impoñen dende a xefatura territorial), e logo endosa o chollo a outros/as. Con frecuencia xerando un conflito entre compañeiros/as.

Tanto ten, estamos na mesma: dende a voluntariedade para facelo ou non, cada quen terá que valorar se o que lle pagan compensa o traballo.

No caso do persoal subalterno, recomendamos botar unha lectura á Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación publicada no DOG do 06/02/2009, pola que se lle dá publicidade ao acordo entre esta consellería e as organizacións sindicais sobre a xornada de traballo do persoal subalterno e sobre as retribucións do persoal subalterno e auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Por subliñar algunha idea:

  • O teu horario de traballo forma parte do DOC. Tes dereito a coñecelo.
  • A túa xornada semanal máxima é de 37:30 horas de luns á venres. Non vale o conto de que tés que abrir un sábado ou domingo ou que o fagas de menos queda a deber (e xa a dirección che dirá cando o fas). Tampouco vale que che asignen traballar un día máis de 7,5 horas.
  • Tes dereito a descansar un mínimo de 12 horas entre quendas.
  • A xornada de traballo ten que ser negociada co persoal afectado.
  • Poden cambiarte a xornada un máximo de dez dias por curso académico, avisandote con sete días naturais de antelación. Ten que ser por unha causa xustificada como celebración de claustros, probas ou avaliacións.
  • Co curso académico comezado, non poden modificarte a xornada e horarios.

Se a cousa se torce, podemos tentar falar coa dirección ou coa xefatura territorial. Ti decides. Contacta coa CIG.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...