Novas por contido

A Xunta esixe máis dereito administrativo para ser conserxe que para ser dalgún corpo superior. A inexistencia de criterios xerais fai que procesos equiparables teñan convocatorias diferentes. As diferencias entre convocatorias constitúen unha discriminación e unha desigualdade segundo que corpos e escalas se convoquen.

A nada que comparemos entre si algunhas convocatorias de procesos selectivos dos últimos anos, sexan de acceso libre, de promoción interna ou de consolidación, observamos diferencias substanciais entre procesos do mesmo grupo. Estes días Función Pública levou ás mesas de negociación máis borradores de convocatorias de diferentes escalas. E como non, máis diferencias substanciais.

Non pode ser que nun proceso selectivo para o corpo subalterno onde se require como requisito de titulación o certificado de escolaridade, se esixa un coñecemento en materias como as relativas ao emprego público ou ao procedemento administrativo, superior ao que se esixe para varios corpos superiores, algúns deles onde a aplicación do procedemento administrativo sancionador é parte substantiva do seu traballo.

Non pode ser que para a promoción interna ao corpo superior A1, haxa tres exercicios (cuestionario test 120 preguntas, suposto práctico test 40 e desenvolvemento de un tema); que para veterinarios-A1 sexan dous (suposto práctico test 40 preguntas e desenvolvemento de 1 tema); e para médico-A1 sexa un exercicio (test 180 preguntas) [en todos eles excluíndo o ficticio exercicio de galego].

Non pode ser que uns anos o mellor sistema da proba de galego sexa a tradución, despois o mellor pase a ser un cuestionario test, e agora volvamos á tradución.

Non pode ser que os erros nos test penalicen 1/4 de acerto uns anos, outros 1/3 e novamente 1/4.

Non pode ser que en diversos procesos de promoción interna os tribunais fixasen un corte que nuns casos deixou prazas sen cubrir como por exemplo: 1) Promoción interna A1-2018: aínda falta a nota do 3º exercicio e so quedan xa 23 funcionarios/as para 44 prazas; e 2) Promoción interna ao C2-2018: so aproban a 58 opositores para 106 prazas. E noutros foi tal o corte que pasou tan pouca xente a fase de oposición que case desaparece a fase de concurso. E ao tempo, para outros procesos selectivos, estean a falar dun alto número de aprobados da fase de oposición para que o concurso teña peso.

Por outra banda hai meses se convocaron procesos para o Corpo Subalterno e Auxiliares de Clínica onde se castiga aos opositores con temarios que nada teñen que ver, por extensos, cos aprobados na Comisión de Persoal do 5/11/19, e tampouco cos criterios de corrección, notas de corte e moitas máis cuestións.

Como mostra deste desatino, comparemos por exemplo convocatorias de corpos da mesma familia como auxiliar de clínica (subgrupo C2) e enfermería (subgrupo A2):

  • Función Pública considera que como futuras funcionarias e funcionarios tanto o persoal das dúas escalas teñen que ter coñecementos en dereito administrativo.
  • Para auxiliares de clínica (C2) esíxelles o coñecemento dos títulos preliminar, I, II, III, IV e V da lei 39/2015, cun total de 126 artigos. No temario da escala de enfermería (A2) esixen 33 artigos da mesma lei.
  • Isto é unha aberración xurídica.

Tan irracional é este asunto que a CIG propuxo na Comisión de Persoal do 5/11/2019 que se anulen as convocatorias de procesos selectivos pendentes de executar, se convoque un grupo de traballo con carácter de urxencia para establecer unha proposta de sistema común de acceso á Función Pública segundo os subgrupos de titulación no que están encadrados os corpos e escalas, e se volvan a convocar todos os procesos selectivos conforme ao acordado nese grupo de traballo, para tratar de unificar criterios nos distintos procesos selectivos.

Unha das materias negociais que o EBEP e a LEPG atribúen ás mesas xerais de negociación é fixar os criterios xerais en materia de acceso á Función Pública e nese marco, observamos que a Admininistración obra de xeito pendular no relativo a establecer modelos e tipos de exame, número de probas, temario e fase de concurso. É necesario e urxente que se fixen eses criterios para ser aplicados por igual a todos os procesos selectivos que se convoquen.

Somos conscientes de que o modelo final non sería o da CIG, poderiamos chegar a un consenso (ou non), cun modelo que non acade a totalidade do que son as nosas pretensións. Pero en todo caso debería ser xusto e proporcional á esixencia de titulación e funcións de cada subgrupo e escala.

No noso modelo defendemos: que se establezan exercicios de corrección obxectiva; que na promoción interna as notas de corte, exercicios e programas sexan distintos; forma de acceso mediante concurso-oposición; que os tribunais se elixan por sorteo; que as notas de corte se publiquen coa convocatoria; que se adapten as taxas á realidade socioeconómica do País; que as escalas de antigas categorías laborais sexan convocadas por última vez como persoal laboral e se realice un concurso de traslados previo; que o primeiro exercicio sexa feito exclusivamente en lingua galega e a cambio suprimimos a proba específica de galego; que teña máis peso a parte específica que a común; que na fase de concurso se inclúan os cursos de formación de universidades, escola de idiomas, etc; que os temarios se racionalicen para adaptalos ás funcións de cada escala; e un longo etc.

Todo isto podería valer como modelo para todos os procesos. Mais aceptaríamos outro se a idea é fixar un marco común para todos eles. De aí que solicitemos con urxencia a negociación deses criterios xerais para logo negociar proceso a proceso, co traballo xa case todo feito dentro deses parámetros comúns.

O director xeral de Función Pública, co apoio de CCOO e UGT, non aceptou reiniciar as negociacións para fixar eses criterios xerais, polo que a CIG negouse a votar na Comisión de Persoal do día 5 de novembro.

Goberno de Feijoo, CCOO e UGT impulsan uns procesos viciados dende a orixe, por aplicar distintos modelos a procesos similares e modelos máis ou menos gravosos segundo lle veña en gana, fuxindo de todo criterio racional e obxectivo para determinar cales son as bases deses procesos selectivos.

Esto foi o que votou cada sindicato na Comisión de Persoal do 5/11/2019

  • CIG: negámonos a votar a todas as convocatorias.
  • CCOO e UGT votan a favor de todas as convocatorias.
  • CSIF vota en contra de todas as convocatorias.

Algunhas desas convocatorias xa as están a publicar no DOG dende o día 6 de novembro e posteriores.

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Que vaia facendo balance quen asinou este simulacro de plan de igualdade!

A CIG reclama o rexistro retributivo, imprescindíbel para analizar a fenda retributiva entre mulleres e homes.No mes de xuño a CIG solicitou o rexistro retributivo do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma do ámbito subxectivo do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que afecta a máis de 26.000 persoas.A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...