Novas por contido

O comité de empresa de Política Social da provincia de Pontevedra, quere manifestar e denunciar o seguinte:

Un ano máis, a Xunta de Galiza, procedeu a suspender a aplicación do artigo 19 do Convenio Único de Persoal Laboral da Xunta, por mor de acordo do Parlamento Galego de decembro de 2019, e que contemplan os Orzamentos da Xunta para 2020. Dita suspensión aparece nos Orzamentos na Disposición Adicional Décimo Primeira.

Esta suspensión mantense no tempo, a pesar de proceder dunha Lei de 2012 (estamos no ano 2020), que proclamaba que as medidas contempladas nela o eran de carácter temporal, e polas difíciles circunstancias económicas que se vivían nese momento.

O texto legal era a Lei 1/2012, de 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza. Concretamente o seu artigo 6, que fala da “Suspensión da aplicación de determinados artigos do convenio colectivo” no seu punto UN sinala: “Suspéndese a aplicación do artigo 19, agás a liña 1, do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.”

Na exposición de motivos desta lei, declaraba:
“O carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas.” Declarando que se “...fan necesario adoptar unha serie de medidas extraordinarias, urxentes e de carácter temporal en materia de contención de gastos no capítulo I dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Despois de pasar 8 anos de acordarse esta suspensión, na lei de referencia, e de escoitar repetidas veces, como o goberno da Xunta declara, que as contas da Comunidade Autónoma están saneadas, e despois de irse adoptando medidas para a devolución de distintos dereitos suspendidos, este comité de empresa non entende como se segue a manter a suspensión de referencia, solicitando a derrogación inmediata desta medida, por non haber xa xustificación para mantela no tempo.

Este comité é sabedor de que esta medida incide moi negativamente nos traballadores e traballadoras que representamos. É precisamente nesta consellería, a consellería de Política Social, onde esta suspensión, mantida no tempo, supuxo o agravamento continuado das condicións laborais. Estamos diante dunha consellería, na que a maioría do persoal dos centros son mulleres. A suspensión do artigo 19, máis concretamente a non compensación en descanso por traballar en domingos e festivos, supuxo un claro atentado a dereitos como a conciliación da vida laboral coa familiar. Supuxo, ademais, unha cuantitativa maior presenza no posto de traballo ao longo do ano. Desta suspensión, deriváronse un sinfín de problemáticas laborais para o persoal que representamos, que inciden principalmente e negativamente nas quendas de traballo actuais, unhas quendas de traballo que se fan insoportables. Contamos, o persoal, cunha media de idade, nos nosos centros, moi elevada, na que a tipoloxía de usuarios/as require unha atención moi específica e implica unha grande carga de traballo. Ao anterior hai que unirlle a non tramitación, por parte da Xunta, das solicitudes de xubilación parcial. Por se o anterior fose pouco, as traballadoras e traballadores están a sufrir unha lexislación cun horizonte, cara a súa xubilación, que pronto estará nos 67 anos de idade.

Tamén levou, a suspensión do artigo 19, a suprimir a compensación en descanso adicional, por traballar os días 24 e 31 de decembro, equivalente a que tiñan os domingos e festivos. Por último, a suspensión de referencia, levou a perda do dereito garantido en convenio, de librar como mínimo a metade dos domingos e festivos en cómputo anual. Esta última cuestión fai que se traballen a maioría dos festivos no ano, incidindo, unha vez máis, nun atentado contra a conciliación da vida laboral coa familiar.

Os dereitos suspensos dende o ano 2012, concretamente o artigo 19 do convenio, eran dereitos consolidados en convenio colectivo.

Por todo o anterior, acorda este comité de empresa, expresar a súa repulsa e desconformidade con esta medida de continuar coa suspensión do artigo 19 do convenio colectivo de persoal laboral da Xunta. Acordamos denunciar a situación e con elo aos responsables da mesma, concretamente ao Partido Popular e principalmente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, principal culpable da nosa precariedade laboral actual. Este comité emprenderá todas e cantas medidas crea necesarias para denunciar esta situación, lembrando que estamos diante dunhas eleccións autonómicas neste mesmo ano, e non pararemos en denunciar a nosa situación, para que se coñeza, ata conquerir un compromiso real, por parte dos que se presenten ás eleccións, cara a total devolución dos dereitos laborais consolidados que nos foron suspensos pola actual Xunta de Galiza.

Outras novas recentes

Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...
Luns, 03 Agosto 2026

Modificación da RPT de Medio Ambiente e Cambio Climático (29/07/2026)

Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de  traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...