Novas por contido

Oitavo xoves consecutivo de mobilizacións nos centros de atención directa

Un xoves máis, e xa van oito, traballadoras e traballadores dos centros de atención directa da Consellaría de Política Social mobilizáronse para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012, a dignificación do seu labor e na defensa duns servizos sociais de cualidade. Dende as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, ademais, fíxose un acto de protesta na entrada do edificio administrativo de San Caetano para esixir a dimisión da conselleira Fabiola García, pola súa pésima política de xestión do persoal.

A representación social denuncia que, malia o éxito de seguimento nas protestas, a conselleira segue negándose a abrir unha mesa de negociación para abordar tanto a mellora das condicións laborais como do servizo, ou o incremento das prazas públicas de atención directa. Demandamos o cese de Fabiola García pola nefasta xestión na política de persoal do seu departamento ao que hai que sumar a falta de respecto á negociación colectiva, o desprezo a dignidade laboral, o nulo recoñecemento profesional, e o abandono dos servizos sociais públicos.

A suspensión no ano 2012 do artigo 19 do V Convenio Único, sen modificar o número de centros ou prazas, permitiu un "aforro" en persoal na Consellaría de Política Social, a conta de sobrecargar de traballo as compañeiras e compañeiros e, mermar a cualidade asistencial. Deixar sen efecto o artigo 19 posibilitou a Consellaría organizar uns calendarios e impor unhas xornadas de traballo esgotadoras, sen respectar os descansos entre xornadas, obrigando o persoal a traballar varios fins de semana seguidos e sen compensarlles nin os domingos nin os festivos traballados; aforrando ademais as contratacións para descansos do persoal, vacacións, etc.

Esta situación impacta de cheo na saúde das traballadoras e dos traballadores, que teñen que afrontar unha carga de traballo insostíbel, que se viu agravada co inicio da emerxencia sanitaria a conta da que se mantén unha situación de excepcionalidade na xestión do persoal.

Recorte orzamentario en persoal

Salientamos que os programas orzamentarios de persoal no 2010 eran o 311A e o 312D, e neles o número total de postos de persoal funcionario era 343 e 2369 de laborais. Pero nos mesmos programas orzamentarios do ano 2020, o número total de postos de funcionarios é 253 e os de laborais de 2229. Isto supón un recorte de 90 postos de funcionarios é de 140 postos laborais nas prazas estruturais destes centros.

Xunto a este recorte, de 2010 a 2020 houbo unha redución de 3 millóns de euros para a contratación de persoal temporal e que, da cantidade consignada nos Orzamentos para esta finalidade, non sabemos canto foi destinado á contratacións, pois que haxa dotación orzamentaria non implica que esta sexa gastada. 

Estes datos só se refiren aos centros de xestión directa da Consellería, sen contar as axencias nin o Consorcio.

Outras novas recentes

Martes, 17 Setembro 2024

Informacións varias: concursos, conciliación, carreira, funcionarización e procesos selectivos, entre outros

Mesa Sectorial de Funcionarias e a Mesa Xeral do 13/09/2024 polo miúdo Na Mesa Xeral e na Mesa Sectorial de Funcionarios/as do 13/09/24, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu as seguintes informacións: Retirada da conciliación a un laboral funcionarizado de incendios (Consellaría do Medio Rural): o traballador conseguira a conciliación por sentenza xudicial e...
Mércores, 11 Setembro 2024

A CIG pide o cesamento de Eloína Núñez: non pode protexer aos maiores quen non permitiu que os tratasen nos hospitais públicos

O protocolo deseñado pola ex xerente do SERGAS non permitía atender de Covid-19 aos enfermos procedentes das residencias. A CIG-Autonómica, que representa ás persoas traballadoras da Consellería de Política Social e Igualdade, critica, denuncia e pide o cesamento da ex xerente do Sergas que non foi capaz durante a pandemia de protexer e coidar aos maiores e agora noméaselle...
Martes, 17 Setembro 2024

RPT de funcionarización (para CP 19/09/24)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal, que será o xoves 19 de setembro, coa seguinte Orde do día: RPT de funcionarización de postos clasificados de persoal laboral que pasarán ao corpo administrativo-C1. Descargar RPT de funcionarización de postos clasificados de persoal laboral que pasarán...