Novas por contido

CIG-Autonómica denuncia niveis de hixiene mesmo inferiores aos do curso pasado.

A CIG-Autonómica denuncia que a consellería de Educación non prevé o aumento do persoal de limpeza nos seus centros educativos e alerta de que as escolas de Infantil, Primaria, institutos de ESO, Bacharelato, educación especial, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e Formación Profesional da Xunta de Galiza van abrir as portas sen a seguridade suficiente fronte ao COVID-19 ao non poder garantirse a hixiene, desinfección e limpeza axeitada das súas instalacións.

Para a CIG é inasumible o “Protocolo” que pretende impor a Xunta porque aumenta as tarefas de limpeza sen aumentar o cadro de persoal. A este respecto denunciamos que Educación pretende, segundo se desprende do protocolo, que haxa persoal nos centros polas mañas, durante aproximadamente 3 horas cada día, e que se limpen determinadas zonas varias veces no día. Entón, quen vai facer a limpeza de tarde se se traslada unha persoa para a mañá, se antes este persoal xa tiña unha elevadísima carga de traballo e non lle sobraba tempo de xornada para facer máis?”

Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas COVID para a mañá provócase que, na práctica, non se dea feito unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza COVID.

Limpeza covid

Na limpeza COVID hai que facer un varrido e fregado de todas as superficies, como se se tratara dunha limpeza xeral, pero nun só día. Como exemplo poñamos nun instituto medio de 700 alumnos/as, con tres limpadoras/es para duas entradas, tres laboratorios, unha biblioteca, seis zonas de baños cos seus servizos e duchas, pavillón e ximnasio, salón de actos, secretaría, conserxería, sala de atención ás familias, zona de despachos de dirección e despachos de departamentos, sala de profesorado, patio cuberto e beirarrúas de acceso.

Ante este listado abrumador de labores, é imposíbel que dúas persoas limpen todas as superficies de contacto cada día e, algunhas delas, varias veces ao día.

O ratio actual de persoal de limpeza nos centros educativos é de 1800m2 por cada limpador/a e en base a isto deséñase o cadro de persoal. Nel están incluídos servizos cos wc, alicatados, mesas, cadeiras, ventas, portas, manillas, mamparas e cristaleiras de conserxería, laboratorios con cada fregadeiro e banqueta, estanterías, mesas da sala de profesorado, taquillas, entradas, sala de comedor ou cafetería, patios... Un traballo xa de por si duro e mal valorado, para o que, desde a CIG, levamos anos pedindo a súa revisión e que agora co COVID non só non se revisa e aumenta o persoal senón que se incrementa a carga de traballo, por parte da consellería de Educación con autoritarismo e sen ter en conta ao persoal afectado, nin á súa representación legal e mesmo obviando aos Comités de Seguridade e Saúde laboral.

A maiores, este persoal non recibiu formación algunha en materia de prevención fronte ao COVID, nin se sabe de que EPIs van dispor, sobre todo para limpar zonas de alta concentración de virus, como poden ser os WC e lavabos ou se disporán de servizo de lavandaría para desinfectar a súa roupa de traballo.

Diante desta situación, a CIG-Autonómica conclúe que estamos diante dunha desfeita que deixa en grave risco ao colectivo de traballadoras e traballadores máis vulnerable fronte ao COVID.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...