Novas por contido

Os servizos xurídicos da CIG veñen de gañar que se recoñeza a compatibilidade a un traballador fixo descontinuo de 6 meses do SPIF no período de inactividade do contrato. Dende a CIG-Autonómica exixímoslle á Dirección Xeral de Función Pública que deixe de facer unha interpretación torticeira e limitativa da norma e estenda este dereito para todo o persoal nesta situación.

Así a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 de Pontevedra establece que non procedía denegarlle a compatibilidade a este traballador, e condena á Consellería de Facenda a abonarlle o salario que non percibiu ao non poder traballar durante os meses de inactividade máis os correspondentes xuros. A sentenza non é firme e a Xunta pode recorrer, se o fai seguiría a condenar a este persoal a vivir por debaixo do limiar da pobreza.

Este traballador xa tiña concedidas anteriormente medidas cautelares dende o pasado mes de marzo que lle permitían desenvolver a outra actividade.

Nesta sentenza, recóllese que non é posible denegar neste caso a compatibilidade amparándose na Lei 53/1984,de 26 de decembro, de Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas, polos seguintes motivos:

• 1. No momento da elaboración desta lei non existía a figura do persoal fixo descontinuo, polo que non poden denegar a compatibilidade sen interpretar a norma acorde coa realidade social e contractual actual.

• 2. A Xunta non pode aplicar literalmente o argumento de que “non se poderá percibir máis dunha remuneración con cargo aos presupostos das distintas administracións públicas”, xa que na realidade non se esta falar dun segundo salario porque o desenvolvemento das actividades non é simultáneo.

• 3. A actividade que ía realizar no período de inactividade non interfire negativamente no desempeño das súas funcións coma bombeiro forestal.

Tras esta sentenza, vimos de presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Función Pública, para que estendan o dereito e corrixan o seu criterio de denegacións das compatibilidades do persoal fixo descontinuo. Desta forma o período de inactividade do contrato poderíase compatibilizar co traballo en calquera administración ou empresa pública.

Dende a CIG xa demandamos na Mesa Xeral e en Medio Rural que solucionasen este problema e non ter que acudir ao xulgado. O Conselleiro de Medio Rural manifestou nalgunha ocasión que ía solicitar un informe á Asesoría Xurídica para intentar atopar unha solución: aí a teñen, apliquen o recoñecido nesta sentenza ao longo das súas 26 páxinas.

Na CIG non cesamos na nosa loita contra a precariedade laboral.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...