Novas por contido

O Partido Popular presenta unha emenda no Parlamento á Lei de medidas fiscais e administrativas para modificar a Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e mudar as condicións de acceso á segunda actividade ao persoal funcionario do servizo de incendios forestais.

A Xunta emprega o grupo parlamentario popular para non dar a cara e impoñer por vía lexislativa a razón que non lle da o xulgado e, en definitiva, actuar pola porta de atrás e non negociar esta modificación das condicións laborais coa representación do persoal.

De saír adiante a emenda do PP, engadiríase como requisito para poder solicitar o pase á segunda actividade “ter desempeñado 25 anos de servizo nestas escalas ou especialidades”. Terían límite para poder acceder á segunda actividade o persoal técnico, axente forestal e ambiental e bombeiro forestal ao se funcionarizar. 

Por iso dende a CIG, vimos de solicitar aos grupos parlamentarios que se opoñan a esta emenda (ou que a retiren no caso do PP) e que reclamen unha segunda actividade áxil e eficaz para o persoal de incendios.

A oportunidade da autoemenda do PP

Recentemente, o día 3 de decembro de 2020, Tribunal Supremo emitiu sentenza firme (número 1083/2020) dando un paso máis no asentamento deste dereito xa que se estaba a denegar ao persoal non fixo, cando o é unha grande parte do cadro de persoal pola alta temporalidade que acumula o servizo. Nesta sentenza recolle textualmente: 

“En definitiva, os traballadores temporais e indefinidos non fixos da Xunta de Galiza teñen dereito a acceder á segunda actividade nas mesmas condicións que os traballadores fixos, sen que elo desnaturalice as súas relacións laborais”.

Ademais, a limitación dos 25 anos de servizo e a condición do traballador/a temporal ou indefinido non fixo non está contemplada no V Convenio Colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galiza, que só establece coma requisito para acceder á segunda actividade ter cumpridos os 60 anos. 

Pero a funcionarización masiva acordada pola Xunta - CCOO - UGT é inminente, polo que non se poderían acoller ao V convenio, e moito nos tememos que a Xunta siga na sua teima de obstaculizar o dereito ignorando o risco para a seguridade e saúde do seu persoal. 

Dende a CIG defendemos que a segunda actividade non debe estar vinculada ao número de anos de exercicio na extinción de incendios como di a emenda, se non que debe relacionarse co aumento dos efectos lesivos sobre a saúde como consecuencia do traballo nos incendios forestais e os accidentes laborais, que se dan en maior número en traballadores/as con mais idade. Coa nova idade de xubilación estamos xa hoxe apagando lumes con 66 anos e medio! 

Ademais, non aplicar ben a segunda actividade impide a renovación do servizo de incendios, cun cadro de persoal cada vez máis avellentado, o que afecta á operatividade xeral.

Pero non nos esquezamos que non é só esta a cuestión que está a prexudicar ao persoal do SPIF no acceso ao desenvolvemento doutra actividade: a Xunta de Galiza é a responsable da non convocatoria do concurso de traslados para o persoal laboral que permitiría o acceso a outras actividades de menor risco e da non implementación da xubilación anticipada polos coeficientes redutores. Triple prexuízo para o persoal do SPIF.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...