Novas por contido

A funcionarización do persoal laboral fixo supón un aforro de 13 millóns de euros nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2022.

O capítulo I (gastos de persoal) dos orzamentos da Xunta recolle un importe de 200 millóns de euros para pagar as nóminas e cotizacións do persoal laboral fixo susceptible de funcionarizarse (sen incluír os importes das antigüidades). Como o persoal funcionario de carreira non cotiza pola continxencia de desemprego, co cambio de vínculo xurídico de persoal laboral a funcionario a Administración aforra trece millóns de euros que saen do 5,5% das cotizacións a cargo da Administración (a maiores do 1,55% que deixa de cotizar o/a traballador/a). 

Nin a Xunta, nin moito menos CCOO e UGT como sindicatos cómplices desta funcionarización chapuceira, manifestaron que destino se lle vai dar a eses 13 millóns de euros. Na CIG temos claro que eses cartos que a Xunta deixa de achegar ás arcas da Tesourería da Seguridade Social teñen que reverter ao persoal empregado público.

Cumpre lembrarlle ao “trío calavera” que a Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza supuxo un recorte de dereitos que se manteñen a día de hoxe.

Dende entón, a Xunta nunca amosou a máis mínima intención de reverter ese brutal recorte nos dereitos sociais e económicos do persoal empregado público da Administración Autonómica de Galiza.

Por exemplo, con eses cartos poderíanse recuperar as modalidades e os importes do Fondo de Acción Social, que lembramos pasou de 9.136.392 € no 2010 a 2.000.000 € no 2020, máis de 7 millóns de euros de recorte cada ano. Ou poderíanse utilizar para recuperar os máis de 700 contratos anuais do persoal necesario para rematar definitivamente coa suspensión do artigo 19 do V Convenio e posibilitar así o dereito ao descanso en sábados, domingos ou festivos.

Son só dúas mostras do que se podería facer, mais poderían ser outras medidas en beneficio do conxunto do persoal empregado público, como un novo acordo de xubilación parcial anticipada ou o establecemento dun plan de igualdade que permita a conciliación do persoal que traballa a quendas, por exemplo.

O que non pode ser é que a consellaría de Facenda, aproveitando a primeira quenda funcionarizada a primeiros de xullo, faga uso deste aforro para incrementar níves ou reclasificar a uns poucos achegados/as, ou que pretenda adicar este orzamento ao pago do persoal que participe na xestión dos fondos de recuperación e resilencia, vía produtividade ou gratificacións extraordinarias.

Por iso, dende a CIG reclamamos con carácter urxente a apertura dunha mesa de negociación na que se procure o investimento en beneficio de todo o persoal deses 13 millóns de euros que, ben empregados, poden dar para moito.

A Xunta non pode negarse á apertura desa mesa de negociación co argumento da falta de recursos económicos. Ou que vai facer con estes trece millóns?

Outras novas recentes

Mércores, 23 Abril 2025

Aviso de publicación do FAS 2024 no DOG do 25/04/25 (axuda á atención de persoas con discapacidade)

Emprego Público vén de informarnos da publicación inminente no DOG da seguinte convocatoria da axuda á atención de persoas con discapacidade (o mal chamado FAS2024): Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galiza pola que se autorizan os criterios de reparto...
Luns, 28 Abril 2025

Concurso administración especial, profesores numerarios e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e axentes de e...

Dende a Dixección Xeral de Emprego Público acaban de comunicarnos que o vindeiro día 2 de maio de 2025 publicarase no Diario Oficial de Galicia, a Resolución pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de profesores...
Mércores, 23 Abril 2025

Bases xenéricas de concurso específico (borrador 22/04/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) remitiu aos sindicatos unha segunda versión do que sería o modelo xenérico de bases de concursos específicos. Descargar. Este modelo de bases xa pasou o trámite de negociación na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF). A DXEP convocounos a unha xuntanza para o martes 29 de abril,...