Novas por contido

A funcionarización do persoal laboral fixo supón un aforro de 13 millóns de euros nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2022.

O capítulo I (gastos de persoal) dos orzamentos da Xunta recolle un importe de 200 millóns de euros para pagar as nóminas e cotizacións do persoal laboral fixo susceptible de funcionarizarse (sen incluír os importes das antigüidades). Como o persoal funcionario de carreira non cotiza pola continxencia de desemprego, co cambio de vínculo xurídico de persoal laboral a funcionario a Administración aforra trece millóns de euros que saen do 5,5% das cotizacións a cargo da Administración (a maiores do 1,55% que deixa de cotizar o/a traballador/a). 

Nin a Xunta, nin moito menos CCOO e UGT como sindicatos cómplices desta funcionarización chapuceira, manifestaron que destino se lle vai dar a eses 13 millóns de euros. Na CIG temos claro que eses cartos que a Xunta deixa de achegar ás arcas da Tesourería da Seguridade Social teñen que reverter ao persoal empregado público.

Cumpre lembrarlle ao “trío calavera” que a Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza supuxo un recorte de dereitos que se manteñen a día de hoxe.

Dende entón, a Xunta nunca amosou a máis mínima intención de reverter ese brutal recorte nos dereitos sociais e económicos do persoal empregado público da Administración Autonómica de Galiza.

Por exemplo, con eses cartos poderíanse recuperar as modalidades e os importes do Fondo de Acción Social, que lembramos pasou de 9.136.392 € no 2010 a 2.000.000 € no 2020, máis de 7 millóns de euros de recorte cada ano. Ou poderíanse utilizar para recuperar os máis de 700 contratos anuais do persoal necesario para rematar definitivamente coa suspensión do artigo 19 do V Convenio e posibilitar así o dereito ao descanso en sábados, domingos ou festivos.

Son só dúas mostras do que se podería facer, mais poderían ser outras medidas en beneficio do conxunto do persoal empregado público, como un novo acordo de xubilación parcial anticipada ou o establecemento dun plan de igualdade que permita a conciliación do persoal que traballa a quendas, por exemplo.

O que non pode ser é que a consellaría de Facenda, aproveitando a primeira quenda funcionarizada a primeiros de xullo, faga uso deste aforro para incrementar níves ou reclasificar a uns poucos achegados/as, ou que pretenda adicar este orzamento ao pago do persoal que participe na xestión dos fondos de recuperación e resilencia, vía produtividade ou gratificacións extraordinarias.

Por iso, dende a CIG reclamamos con carácter urxente a apertura dunha mesa de negociación na que se procure o investimento en beneficio de todo o persoal deses 13 millóns de euros que, ben empregados, poden dar para moito.

A Xunta non pode negarse á apertura desa mesa de negociación co argumento da falta de recursos económicos. Ou que vai facer con estes trece millóns?

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...