Novas por contido

 

Diante da oficina, na Av. de Rosalía de Castro, ás 11:00 h, os días 21 e 27 de setembro

MUFACE ten anunciado o peche da oficina que ten en Santiago o vindeiro 30 de setembro, deixando sen atención directa a todos os mutualistas do sur da provincia da Coruña. Son milleiros de persoas as que veñen sendo atendidas na oficina de Compostela para realizar persoalmente diversos trámites. Por iso a Área Pública da CIG convoca concentracións para os días 21 e 27 de setembro, ás 11:00 horas.

A Área Pública da CIG vai loitar por manter esta oficina aberta para que atenda de forma presencial ás persoas mutualistas e ás súas familias a xa ten solicitada unha entrevista co director provincial para ver de reverter a decisión do peche. Advirte que hai miles de persoas afectadas que dependen desta oficina, persoal da administración xeral da Xunta de Galiza, o persoal de primaria e secundaria do ensino público, o profesorado universitario, Correos e outro persoal que traballa para a administración central do estado, así como o persoal xubilado de todos estes corpos.

Coa pandemia, MUFACE restrinxiu o acceso ás súas oficinas e potenciou a atención a distancia. “Esta atención xa existía antes da pandemia, vía correo postal, teléfono e mesmo coas novas tecnoloxías, os mutualistas podiamos ser atendidos deste xeito desde hai tempo”, explican desde a Área Pública da CIG. Hai moitas persoas, sobre todo o persoal xubilado, que prefire unha atención directa e personalizada. Que se mellore a atención a distancia non é óbice para que se peche unha oficina que ademais de “atender a distancia” tamén realiza unha atención presencial.

Nun primeiro escrito comunícase que a oficina pecha por mor da xubilación das dúas persoas que nela traballan. Mais noutro posterior, colgado na súa páxina, desde MUFACE argumentan que é unha oficina delegada da provincial da Coruña e que “non realiza trámites directamente” agás algún servizo pouco utilizado.

Indican ademais que “os recursos persoas e materiais da Santiago serán centralizados na oficina da Coruña para facer máis eficiente o labor de atención aos mutualistas de toda a provincia”. Fronte a isto, a Área Pública da CIG considera evidente que a atención directa ás persoas mutualistas do Sur da provincia vai empeorar e a atención a distancia non vai mellorar se se xubilan dúas persoas ou levan unhas mesas de Santiago á Coruña.

A CIG considera unha tomadura de pelo que MUFACE presuma da cercanía co colectivo, a mellora continua ou a excelencia na xestión como obxectivos do Plan MUFACE AVANZA 2021-2023 que dan base a esta decisión. Chámanlle “cercanía ao colectivo” a alonxar unha oficina 70 km?

Anexo práctico

Un mutualista que vive en Ribeira e teña que realizar un trámite en persoa, antes viña a Santiago e agora terá que ir á Coruña. pode ir pola AP-9, 140km., 22,56 euros e 1h35m.; pode ir pola AC-2, 134km., 17,19 euros e 2h23m; ou pola AG-1, neste caso serían 151 Km., 20,81 euros e 2h17m; aparcar na Coruña, realizar o trámite e voltar a Ribeira. En resumo, un mínimo de 40 euros e 3 horas.

No seu escrito MUFACE alega o pouco uso da oficina de Santiago. Pero, en realidade, é a que máis demanda ten de atención no propio local, cunha media, na pandemia de 25 citas presenciais. o 16 de setembro, ás 13,15 h., na súa páxina, comprobamos a demanda de citas presenciais nas diferentes oficinas de Galiza e o resultado foi:

oficina capacidade de citas día 16 día 17 día 18 total
Santiago 27 21 20 8 49
A Coruña 27 9 1 1 11
Lugo 16 4 4 2 8
Ourense 29 9 4 2 15
Pontevedra 27 7 6 1 14
Vigo 27 10 2 1 13

 

Unha vez que remita a pandemia e se volte á normalidade, a atención debe ser en persoa na oficina de sempre. A mellora da atención a distancia non debe ser a costa de eliminar a atención presencial. “Optimizar recursos” non é centralizalos nun lugar, eliminar a atención directa e remitir todo a unha páxina web ou a un teléfono.

 

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...