Novas por contido

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022

O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez foi o recente falecemento do conselleiro de Facenda a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de emprego público as présas e sen negociar.
Así, Función Pública solucionou en menos de 24 horas o amargo trago de cumprir coa lei e sentarse coas organizacións sindicais previa aprobación no Parlamento destas leis que afectan ao persoal empregado público.

Os Orzamentos para 2022

Non nos deron documentación ningunha. Soltaron uns poucos datos xerais (sen diferenciar nin sectores, nin consellerías, nin moito menos partidas orzamentarias). De seguro que serán máis completos no telexornal da RTVG. Preguntamos e... Isto é o que hai:

  • Suba salarial que marca o goberno do Estado: 2%
  • Recuperación do poder adquisitivo perdido na Galiza: CERO
  • Recuperación do complemento específico nas pagas extras: CERO
  • Recuperación do Fondo de Acción Social: CERO
  • Recuperación das compensacións e dereitos do V Convenio: CERO
  • Recuperación de emprego público: CERO
  • Graos extraordinarios 1 e 2 da carreira profesional: parece que si, pero non se sabe canto, nin onde, nin para cantos.
  • Orzamento para pasar o persoal de incendios de 9 a 12 meses: na “bolsa” (debe ser un caixón de xastre dos orzamentos)
  • Orzamento para as “primas” do persoal escollido para os Fondos de Recuperación e Resiliencia (FRR): unha incógnita

O que nos venderon:

  • O orzamento en materia de persoal aumenta en un 4,25 % a pesares de que xa non teñen os fondos extraordinarios da Covid. Pasa de 4.123 a 4.327 millóns de euros (pola suba do 2% do goberno do estado español)
  • Queren que se derrogue a taxa de reposición (esquecen que foron eles os que a impuxeron e defenderon sempre) pero que o “goberno non llo aceptou”. Ironicamente véndense como os defensores do público, pero o que fan é agochar a súa incompetencia acusando de todos os males ao goberno do estado mentras non asumen a súa propia responsabilidade no cumprimento das OEP que eles mesmos aproban.
  • Din que van cumprir o Acordo do Consorcio e que van pagar o último tramo salarial da equiparación co V Convenio.

 As modificacións da Lei de Emprego Público

A Xunta acostuma a empregar a lei de medidas tanto para recortar dereitos (como no 2012), como para impoñer modificacións á Lei de emprego público de Galiza. Estas son as máis significativas, pero podes consultar o documento completo aquí:

  • Modifican a definición do persoal funcionario interino para adaptarse ao RDL 14/2021, cunha redacción ambigua que cuestionamos. Queremos que se inclúa e aclare o dereito á carreira profesional para todo o persoal.
  • Eliminan a porcentaxe reservada para a promoción interna nos procesos de consolidación e estabilización. Opoñémonos, e esiximos que se aplique para todos os procesos o 50% xa que non computa na taxa de reposición. Queremos que as prazas que queden desertas se acumulen para a seguinte convocatoria de PI.
  • Amplían o tempo de comisión de servizo do artigo 100 (traslado voluntario en sectores prioritarios), de 6 meses a 1 ano con outro de prórroga. Unha barbaridade que pretenden xustificar coa xestión dos fondos de recuperación e resiliencia. Sabemos que na práctica son comisións opacas e que coa funcionarización poden xeralizarse ao ter máis persoal nestes sectores. Que modifiquen ás RPT, convoquen concursos de traslados e se deixen de chanchullos.
  • Sancionan a fraude no procesos selectivos (para persoas empregadas e aspirantes): o copiar de toda a vida sanciónano con 2 anos e se é por medios dixitais con 5 anos sen poder presentarse a un proceso selectivo. Un manto co que Función Pública pretende tapar o escándalo do segundo exame do subgrupo C2 e da consolidación da categoría IV-1.
  • Crean as escalas de enxeñería química e aeronáutica, e na escala de ciencias as especialidades de matemáticas e física. As primeiras para atender o polígono de Rozas e as segundas só indican que é por petición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
  • Engaden unha nova tarefa ao persoal da escala de gardas de recursos naturais sen tela negociado previamente. Claro, agora non podemos ir a denunciar por incumprir o Convenio porque o fan na escala coa funcionarización avanzada: Con cantos cambios de funcións máis nos imos atopar nesta funcionarización chapuza?
  • Entran nunha serie de cambios para permitir a funcionarización deseñada no Acordo de Concertación cos que nin os asinantes están de acordo: a novacion do contrato do persoal laboral temporal e indefinido non fixo en persoal funcionario interino. Era visto e xa o avisamos. O que trae agora a novación ademais da perda de dereitos indemnizatorios por despedimento é a permanencia máxima de tres anos como persoal funcionario interino, segundo recolle o RDL 14/2021. Precarizan ainda máis as 5000 compañeiras e compañeiros laborais temporais da Xunta.
  • Manteñen para o 2022 as medidas especiais da Covid para garantir a contratación do persoal sanitario das residencias. Por exemplo, poderán tirar do Servizo Publico de Emprego antes que despenalizar as listas, exclúen a esixencia do coñecemento do galego ou incluso poden tirar de persoal para a categoria de auxiliar de clínica que cursou estudos pero que aínda non ten a titulación. Manter esta excepcionalidade porque non hai xente nas listas denota que non se están a facer as cousas ben na xestión do persoal: sobrecarga de traballo, poucos descansos e inseguridade xurídica por falta de persoal e instrucións temerarias das direccións dos centros, na maior parte residencias de Política Social.
  • E hai máis, derrogación das medidas que modificaban a lei de igualdade, eliminacion do período da toma de posesión do persoal eventual ou o traslado das mulleres vítimas da violencia machista e medidas para as vítimas do terrorismo, unicamente para adaptarse a lei básica, claro.

Permítennos facer achegas para presentar no trámite de emendas. Así están as cousas, a Xunta do PP coma sempre, tarde, mal e arrastro e vacilando con chulería ao seu persoal.

Rogos e preguntas:

O director xeral de Función Pública contesta o que quere e cando quere, hoxe tocou:

  • Concurso de traslados: bastante avanzado
  • Plan de igualdade: a ver se neste mes
  • Procesos selectivos: bombeiros e funcionarización bombeiros na segunda quincena de novembro
  • RPT do Consorcio: nuns días
  • Non hai paralización dos procesos selectivos

Outras novas recentes

Mércores, 20 Mai 2026

Convocatoria dos concursos específicos da Consellaría de Facenda e Administración Pública e da Atriga

O concurso específico, xunto co concurso ordinario e a libre designación, é unha das formas de provisión de postos previstas na Lei do emprego público de Galiza, unha lei que é do ano 2015. Dende esa data, non se convocou ningún concurso específico, o que produciu que máis de 800 postos (básicamente xefaturas de servizo e sección), estiveran ocupadas en comisión de...
Venres, 22 Mai 2026

“Quen vai de última?” A vergonzosa opacidade nas listas de PSX e xerocultoras/es

A vergonzosa realidade que estamos a vivir nos centros do Consorcio e da que a Xunta de Galiza permite mirar para outro lado. Vas ao supermercado a facer a compra, hai cola e preguntas "quen vai de última?". Alí danche un número e sabes que se respecta a quenda. Pois ben, traballar para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar hoxe en día é peor que ir ao...
Luns, 18 Mai 2026

Aplicación do Decreto 37/2006 para a cobertura temporal dos postos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

No DOG do 18/05/2026 publican a RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura temporal dos postos dos corpos e escalas adscritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A cobertura destes postos será realizada a través das...