Novas por contido

Educación busca regularizar os centos de postos agochados de persoal non docente nos centros educativos cun paripé de negociación e cargándose 44 prazas

A CIG denuncia que dende hai varios anos a Consellería de Educación seguiu un proceso precario e, como mínimo, escuro, na contratación de persoal non docente que pretende resolver neste ano a través dunha pseudo-negociación para a regularización en RPT de 370 postos de traballo que a consellería mantivo agochados durante anos (algún mesmo dende o ano 2012). Nesta modificación tamén aproveitan para amortizar 44 postos de traballo.

Por que denunciamos que a contratación é en precario e un proceso oscuro? Pois moi sinxelo. A contratación é en precario porque todo o persoal contratado dende hai anos, en moitos casos tería dereito a cobrar os pluses que os seus compañeiros/as que están en códigos de RPT teñen recoñecidos, pero a consellería non llos paga por ese mesmo motivo, por non estar incluídos na RPT.

Mediante este proceso escurantista de contratación no que estiveron agochados os postos de traballo producíronse dúas situacións ilegais:

  • Os postos non foron incluidos nas distintas OEP.
  • Froito diso, tampouco foron ofertados aos traballadoras/es laborais fixos nin en concursos de traslados nin en adscricións provisionais.

Se a situación non fora xa extremadamente grave, con este proceder a consellería de Educación conseguirá tamén que moitos dos traballadores/as laborais temporais que ocupan esas prazas e que levan máis de 3 anos nelas, poidan chegar a ser declarados persoal indefinido non fixo.

A CIG esixe responsabilidades

Quen se vai responsabilizar nominalmente de todas estas tropelías?. Dimitirá o director xeral de Centros e Recursos Humanos?. Cesarán ao subdirector xeral de Recursos Humanos (que leva no posto dende o ano 2007 e ten coñecemento sobrado do que aquí se denuncia)? Dimitirá o director xeral da Función Pública por ser o responsable máximo do control do persoal da Xunta de Galicia? Ou dimitirá o conselleiro? Na CIG estamos seguros de que nin vai dimitir ninguén, nin van sancionar a ninguén

A CIG non merca este peixe

O que pretenden é vendernos que aceptan a inclusión das prazas “creadas” neste curso 2021-2022 (na primeira proposta que nos achegaron non aparecían eses postos de traballo ocultos) e para “contentarnos” amplían seis medias xornadas a xornada completa e crean unha máis de persoal limpador e dúas de axudante/a de cociña máis en todo o país.
Isto supón a regularización de 370 prazas e a amortización doutras 44, cando o que realmente sucede é que as tiveron agochadas dende polo menos hai case seis anos cos prexuízos que eso lle supón as traballadoras e traballadores, como xa explicamos.

Como CIG solicitamos toda a documentación necesaria para analizar e, de ser o caso, avaliar as responsabilidades que se poidan esixir, vía negocial ou incluso vía xudicial, se así o consideraramos necesario, pero na segunda e última xuntanza do venres 17 de decembro acusáronnos literalmente de pedir moita documentación. Xa nos advertiron que parte da documentación solicitada directamente non nola van dar e a que din que si... que a porán á nosa disposición. Mais segundo a consellería, a documentación solicitada non inflúe nesta modificación, polo que non a achegan nin na propia mesa, polo que poñemos en dúbida que efectivamente se nos facilite.

Non aceptan ningunha das nosas alegacións como o abono de atrasos ó persoal que non cobrou os pluses, o abono de oficio das diferenzas salariais ao persoal de cociña, o plus de perigosidade nos CEE, as compensacións das itinerancias, a realización das avaliacións de riscos laborais en todos os postos de traballo... A consellería nen sequera contempla a posibilidade da apertura dunha mesa de negociación de ratios de limpeza e cociña, que entendemos como a única solución posible para a mellora das condicións de traballo deste persoal.

A CIG esixe que se manteñan os contratos de reforzos pola COVID

Por outra banda, o vindeiro día 22 de decembro rematan os contratos do persoal de reforzo de limpeza, que lembremos foi o único reforzo que a consellería admitiu para o persoal non docente nestes tempos de pandemia, a pesares de que a CIG solicitou en innumerables xuntanzas o reforzo tamén para o persoal de cociña. Pola parte da consellería a resposta foi sempre negativa. Diante do alto número de contaxios a día de hoxe nos centros de ensino, na última xuntanza a CIG volveu esixir o mantemento dos contratos de reforzo.

Toda esta desfeita preténdena facer co beneplácito sindical a través da “non negociación” levada a cabo. Pois xa lles adiantamos agora que a CIG non vai ser un monicreque nin na mesa de pseudonegociación nin fóra dela.

Outras novas recentes

Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...
Luns, 06 Mai 2024

Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a...
Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...