Novas por contido

A DXFP ten enriba da mesa unha nova sentenza gañada pola CIG que recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra cos requisitos de anos de servizo e formación. A nova sentenza bota por terra a chantaxe de esixir a funcionarización para cobrar o complemento de carreira.

A CIG ven de gañar unha nova sentenza no TSXG que anula a instrución 3ª da Orde de confección de nóminas de 2019 “...por entender que a mesma vulnera o dereito á igualdade e non discriminación (art.14 CE) do persoal laboral da Xunta de Galiza (fixo, indefinido e temporal)...impedíndolle participar no sistema de carreira profesional establecido e pactado coas centrais sindicais, privándolle do seu dereito á promoción profesional.”

A orde impugnada excluía do acceso ao grao I do sistema de carreira ao persoal laboral fixo que non presentase a solicitude de funcionarización (ou non superase o proceso). E no caso de que incumprise o compromiso tería que devolver os importes percibidos.

O fallo é moi claro en canto que o dereito á carreira é universal para quen cumpra os requisitos de anos de servizos e formación

A Lei de emprego público XA recoñece o dereito do persoal funcionario interino á carreira profesional grazas as demandas da CIG

Despois dos recursos da CIG, da campaña de fake news de CCOO e UGT, da paralización do grao II, a Xunta, á vista das sentenzas, tivo que recoñecer que a carreira profesional ten que estenderse a todo o persoal. E isto faino coa aprobación no Parlamento do proxecto de lei de medidas que ven de modificar a LEPG para que, no canto de referirse ao persoal funcionario de carreira no relativo á carreira profesional, o faga ao persoal funcionario en xeral (de carreira e interino).

Tal e como recolle a lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas na súa exposición de motivos: “Modifícase a disposición transitoria oitava para, ademais de aclarar a regulación da consolidación de grao, estender o dereito á carreira profesional a todo o persoal funcionario, sexa de carreira ou interino, deixando así recollido na normativa os pronunciamentos xudiciais existentes en canto a este aspecto.”

Este era o único xeito de rematar coa causa de nulidade, que todo o mundo entendía como de sentido común, menos CCOO e UGT que azuzaban á Xunta de Galiza para retirar a carreira profesional a todo o mundo.

Non quixeron implementar o grao II como chantaxe para que retirásemos as demandas que sabían que íamos gañar

Con isto non rematan as mentiras, porque CCOO+UGT+Xunta negaron dende un principio o acceso anticipado ao grao II. O acceso ao grao II anticipado e o grao I ordinario tiña que estar convocado moito antes de que saíra a primeira sentenza gañada pola CIG, e a súa posta en marcha era un feito que dependía só dos asinantes do acordo e non de ningunha demanda, pero para xustificalo utilizaron como escusa da súa ineptitude a mentira de que non se podía facer porque o impedía a CIG.

Agora que unha norma con rango legal habilita para estender ese dereito a todo o persoal, grazas ás sentenzas gañadas pola CIG, non lles vai quedar outra que sentarse a negociar un acordo inclusivo e pagar o retraso do grao II a todo o persoal. E se alguén o impide será a súa responsabilidade.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...