Novas por contido

O Presidente da Xunta realiza unhas declaracións cara a galería que amosan o seu perfecto descoñecemento do Servizo público contra incendios

O que non concorda coa actual realidade que temos no País é o que dixo. Se algo precisa a nova tipoloxía de lumes é de coñecemento e celeridade, tanto na previsión como na execución.

Entre as novas que avanza, chamounos a atención a aposta por brigadas multifunción cara ao futuro, cando as brigadas multifunción xa existen e están recollidas na normativa actual, tanto para a prevención e a extinción -no V convenio da Xunta dende hai 14 anos- como na Lei 17/2015, de protección civil, ao pasar a formar parte oficialmente dos servizos de emerxencias.

Xa ten delito que alguén que estivo de vicepresidente dende o 2009 descoñeza o funcionamento do servizo, máis cando foi o responsábel dos servizos de emerxencias (foi a súa consellería) ao longo dos anos.

A multitarefa mal xestionada e sen os recursos suficientes pode atrasar a actuación nun lume onde o tempo de reacción é básico

Ao respecto de dotar de maior temporalidade os contratos do persoal da loita contra incendios, BENVIDO SEXA!!, o goberno do que forma parte dende 2009 tivo numerosísimas propostas, demandas, informes do grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galiza sobre incendios forestais que así llo recomendaron e esixiron, aínda así, benvido sexa. Mágoa que non se concrete en tempo e forma e todo nos lembre a unha manobra mediática.

A Administración galega está nun bo intre para o incremento de tempo de traballo do persoal descontinuo, dado que cos procesos de funcionarización internos que se están a acometer, sería un momento idóneo para converter tódalas prazas descontinuas a todo o ano, e crear un corpo público único e homoxeneizado que tería moita maior eficacia no traballo e estabilidade laboral que o actual e desleixado modelo dos "sete mil efectivos".

Se algo precisa a lacra estrutural dos lumes do noso País no momento actual é non funcionar a golpe de nota de prensa buscando resultados electorais. Atopámonos dentro dun mal endémico e estrutural cronificado nas últimas décadas.

Dende os servizos de prevención e extinción públicos -SPIF- levamos anos esixindo melloras que nunca chegan, e que lembraremos de novo:

1.Pulamos pola a profesionalización de todo o SPIF, todo o persoal debe traballar todo o ano.

2.A prevención debe ser o eixo troncal do traballo. Hai que adaptar a prevención aos novos tempos e novos perigos.

3.O Pladiga é un plan obsoleto centrado en botar cifras á esgalla e orientado unicamente cara a extinción

4.Todo o persoal de prevención e extinción debe estar baixo o mando único do SPIF e formar parte deste.

5.As brigadas helitransportadas deben estar xestionadas e ocupadas por persoal do SPIF.

6.A formación integral nas multiemerxencias e en concreto na nova tipoloxía de lumes e o adestramento continuado nas situacións derivadas destes deben formar parte do día a día dos persoal do SPIF.

Dende a CIG levamos anos esixindo unha adaptación xeral do dispositivo diante do paso xa dos lumes da quinta á sexta xeración. A mestura do abandono do rural coa nefasta xestión do monte por parte da Xunta de Galiza, pon en perigo as poboacións. O incremento do modelo 4 de combustible nas zonas próximas ás casas fan de cada incendio de interface unha ameaza no só ao ecosistema, senón tamén ás vidas e bens da poboación.

Todas estas cuestións son modificábeis, tanto o medio sobre o que se pode actuar como a formación do persoal neste tipo de circunstancias.

Estamos dispoñíbeis para abordar todas estas cuestións -propostas concretas xa houbo dabondo e por escrito nos últimos anos- cando o Sr. Rueda e/ou o Conselleiro do Medio Rural o consideren.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...