Novas por contido

Diminuír os centros públicos e pagar a empresas privadas, dende escolas infantís a residencias de maiores

A Xunta comezou este ano a aplicar a gratuidade para as persoas usuarias das escolas infantís de cero a tres anos. Até aí, perfecto.

A perversión da medida radica en que isto non consiste en crear máis centros públicos senón en pagarlle con cartos públicos a empresas privadas.

Deste xeito, este curso, en determinados núcleos de poboación, a matrícula das escolas infantís públicas baixou alarmantemente para subir na privada. Lembramos que até o de agora só se concedían axudas para ir á privada se non se obtiña unha praza nas escolas públicas.

Estamos xa a comprobar que esta medida supón un xeito eficaz de desmantelar os servizos públicos (onde a calidade está garantida) para que o acceso á privada sexa de balde. Pero non é unha cousa nova no PP da Galiza, hai moitos anos que non se fai unha residencia de maiores pública a pesar da forte demanda, e en vez diso o que fan é privatizar directamente as feitas con diñeiro público ou “subvencionar” prazas públicas na privada, nutrindo sen despeitearse o modelo de negocio de fondos de inversión que xogan coa saúde e o benestar das nosas maiores.

O fin do PP: regar con cartos públicos a empresas privadas a conta de desmantelar os servizos públicos

Este modelo de negocio privado a costa de todas e todos é o primeiro paso para privatizar os servizos públicos. Primeiro inxectan diñeiro público, despois repártense os usuarios entre toda a oferta de todo tipo de centros; cando baixe a matrícula nos centros públicos, amortizan prazas de persoal, peche de centros…e o cadro final será un mosaico de empresas privadas prestando servizos públicos pagados a prezo de ouro polas contribuíntes.

E o máis grave de todo, se nos situamos na folla de ruta do PP: este modelo pode ser exportado para universidades privadas, centros de maiores privados, etc. Van a utilizar a gratuidade nos centros privados para desmantelar os servizos públicos? Está garantida a calidade da atención educativa nas escolas infantís privadas?

Nestas escolas infantís, que son mais ben garderías na maioría dos casos se atendemos ao modelo de servizo que se presta en moitas delas, as ratios de persoal por aula son moito menores pero ofrecen horarios para o alumnado máis amplos e tamén horas de permanencia nos centros, aínda que moitas das veces rocen a ilegalidade.

O público é servizo, o privado beneficio!

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...