Novas por contido

Procurando a igualdade de oportunidades, fai uns días solicitamos nas mesas de negociación o adiamento do primeiro exercicio das oposicións de certas escalas moi vinculadas co servizo de incendios, xa que despois dun verán intenso (e ainda estamos en período de alto risco), o persoal interino non puido adicar tempo ao estudo. O director xeral da Función Pública non respostou, pero só uns días despois publicaron no DOG a data do primeiro exercicio: o día 1 de outubro.

A CIG enviou unha carta ao consellerio do Medio Rural solicitando que interveña nesta cuestión. Este é o contido da carta:

Señor conselleiro,

É vostede coñecedor da enorme carga de traballo que tivo que soportar o persoal do SPIF durante este duro verán. Entre este persoal atópanse os enxeñeiros e enxeñeiras técnicas forestais e o persoal enxeñeiro de montes, xefes/as de distrito.

E tamén é coñecedor da demanda para que non se realizasen nestes momentos os exercicios do proceso selectivo para o ingreso nesta escala da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, posto que aínda nos atopamos en período de alto risco de incendios forestais despois duns meses de alta tensión laboral que non lle permitiu ás persoas que adican os seus esforzos a loitar contra os incendios forestais poder afrontar a preparación destas probas coas mínimas garantías de igualdade de oportunidades.

Durante estes últimos meses as enxeñeiras de montes e enxeñeiros técnicos forestais tiveron que dedicar todos os seus esforzos a loitar contra a peor vaga de incendios forestais que lembramos. Non tiveron tempo, nin ánimo, nin folgos, para preparar unhas probas das que depende a súa continuidade no servizo.

Todo este persoal, preparado e bregado na loita contra o lume vai ter moi difícil poder superar este proceso selectivo, do que está previsto o primeiro exercicio para o próximo día 1 de outubro.

É inédita e non se entende unha situación de apuro tan grande agora que choca coa lentitude habitual nos procesos selectivos da administración galega. Pisar o acelerador xusto agora con estes procesos selectivos de concurso-oposición parece que busca castigar ao numeroso persoal interino/a das escalas onde a temporalidade e fraude de lei ocupa mais da metade do cadro persoal e que non tiveron oportunidade dende hai 20 anos a presentarse a procesos selectivos solventes. Este apuro nos exames da oposición son un agravio máis ao persoal das escalas de funcionarios/as convocadas a mala fe o 17 de decembro, apenas uns días antes da entrada en vigor da lei 20/2021.

Quen convoca estes procesos é a dirección xeral da Función Pública, dependente da consellaría de Facenda e Administración Pública, e pedímoslle que medie no Consello da Xunta para que se aprace a convocatoria do primeiro exercicio facilitando así a igualdade de oportunidades para todas as persoas que optan ao proceso selectivo.

Outras novas recentes

Martes, 07 Mai 2024

Un listado de postos do C1 (administrativo) moi desequilibrado territorialmente

A CIG ten manifestado en innumerábeis ocasións que para os actos de elección de destino o listado de postos ten que responder a varios criterios, e que un deles debería ser o do reparto por toda a xeografía galega. Non parece ser este o criterio seguido por Función Pública no caso deste listado de postos para a toma de posesión do corpo administrativo (subgrupo C1) cando...
Martes, 07 Mai 2024

Convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais

Recibimos unha comunicación da Dirección Xeral do Emprego Público e Administración de Persoal (antiga DXFP), na que confirman que o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpos xerais), será publicado no DOG do mércores 15 de maio. O prazo para a presentación de solicitudes de...
Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...