Novas por contido

Tras pasar previamente pola Mesa Xeral, aprobouse na Comisión de Persoal do 2 de novembro unha Oferta de Emprego Público (OEP) correspondente a prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autonóma de Galiza para o 2022, para a posta en funcionamento de novos servizos públicos.

Aparte de ser algo novo, por ser a primeira OEP de entidades instrumentais que lembremos, o documento está inzado de eivas. Non consta ningún tipo de xustificación da necesidade desta OEP, nin de cales van ser eses novos servizos, nin en que entes instrumentais se van prestar e peca tamén de algo fundamental, como é o anexo das prazas.

Esta oferta de emprego, así, baleira e sen xustificar, resulta escandalosa se temos en conta que se trata dunha OEP adicional, mentres na Administración Xeral mantense a taxa de reposición pola que non se convocan prazas a maiores nin se cobren servizos novos con emprego público, o que abre a porta á privatización dos servizos públicos.

Engordando a administración paralela

O director xeral da Función Pública (DXFP) informou na Mesa Xeral previa de que se trata de “prazas necesarias para a posta en marcha e funcionamento de novos servizos cuxo establecemento veña imposto en virtude dunha norma estatal, autonómica ou local”.

Dito iso, engadiu que ían incorporar 80 prazas en base ao “acordo da Secretaría de Estado das Administracións Públicas” nos seguintes entes: Galaria, SEAGA, SPI (Sociedade Pública de Investimentos SA), XesGalicia e Portos de Galicia.

En cambio, na Comisión de Persoal o DXFP falou de 85 prazas en troques de 80, dato que non podemos contrastar ao non dispoñer do anexo de prazas.

Na CIG concluímos que aínda que é positivo que se aumente o emprego público, ao menos deberiamos poder valorar se eses novos servizos os podería realizar directamente a Administración Xeral na vez de acudir aos entes instrumentais porque o que está a facer aquí o goberno do PP é o contrario ao que vende: está a engordar a administración paralela.

En canto ás convocatorias derivadas desta OEP, o documento aprobado indica que se poderán contemplar procesos de promoción interna de conformidade cos convenios colectivos que sexan de aplicación en cada unha das entidades instrumentais convocantes.

Como novidade respecto ao primeiro borrador, Función Pública retráctase da súa intención inicial de que a quenda de persoas con discapacidade (supostamente 6 prazas) compútase na OEP da Administración Xeral, de xeito que finalmente computará nesta OEP de entes instrumentais.

Estando sempre a favor da creación de emprego, a opacidade total desta OEP levounos a que a CIG votase en contra mentres que CCOO, CSIF e UGT abstivéronse.

Outras novas recentes

Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...
Martes, 07 Mai 2024

Un listado de postos do C1 (administrativo) moi desequilibrado territorialmente

A CIG ten manifestado en innumerábeis ocasións que para os actos de elección de destino o listado de postos ten que responder a varios criterios, e que un deles debería ser o do reparto por toda a xeografía galega. Non parece ser este o criterio seguido por Función Pública no caso deste listado de postos para a toma de posesión do corpo administrativo (subgrupo C1) cando...
Luns, 06 Mai 2024

Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a...