Novas por contido

Fomos convocados a unha xuntanza da Comisión de seguimento do teletraballo. Pola parte sindical asistiu só a CIG, como único asinante do Acordo. Dende a súa publicación en DOG fai algo máis de dous anos (07/01/2021), tan só houbo dúas xuntanzas da comisión de seguimento, a última en decembro de 2021. Por tanto, o primeiro que reclamou a CIG é que se cumpra o pactado en canto á periodicidade trimestral das xuntanzas.

O director xeral de Función Pública (DXFP) traslada os seguintes datos numéricos:

  • A decembro do 2022 levan concedidas 2.073 solicitudes. Aumentan en relación aos anos anteriores o número de solicitudes e de persoas en teletraballo. Van enviar datos desagregados por grupo, sexo e consellería.
  • Recibiron 49 solicitudes “especiais”, das que concederon 13 e denegaron 33. Son solicitudes que exceden os máximos que prevé o acordo (50% das xornadas, 40% de presenza) ou referidas a postos non susceptibles de teletraballar.
  • Sobre os medios tecnolóxicos, no último ano emitiron 601 informes, dos que 517 non solicitaron medios, 49 si os solicitaron e outros 35 xa dispoñían de medios da Administración. Todas as solicitudes de medios tecnolóxicos foron atendidas.

Sobre os medios tecnolóxicos, a representación da CIG informou de que había un desaxuste entre Sanidade e Amtega que estaba a dificultar a concesión de teletraballo por indispoñibilidade de medios. O acordo da Comisión Técnica é que Sanidade dote ao seu persoal dos medios, máis pasou un mes e seguimos igual. O director de Función Pública comprometeuse a solucionalo.

Informa o DXFP que a Comisión Técnica acordou requirir o visto e prace da persoa supervisora como condición para aceptar as peticións de xornadas de teletraballo que exceden o número de horas da xornada ordinaria (as superxornadas).

Tamén falamos das denegacións sistemáticas que se están a producir en determinados tipos de centros. Puxemos enriba da mesa os casos de centros en que se está a producir a denegación do teletraballo resultando incoherente coas concesións en servizos idénticos (por exemplo, diferenzas entre os mesmos servizos das xefaturas territoriais).

Din que revisaron as denegacións que reclamamos, na maioría dos casos denegadas pola necesidade de atención permanente ou continuada. Recoñecemos a necesidade de prestar a atención presencial, pero hai centros que teñen persoal abondo para organizar quendas que permita compatibilizar as dúas modalidades de traballo coa atención requirida.

Para rematar, esixindo o cumprimento do que a CIG pactou coa Xunta, demandamos a entrega da relación de solicitudes presentadas (autorizadas e denegadas), a todas as organizacións sindicais con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...