Novas por contido

A Xunta retira a cláusula ilegal sobre suspensión de contratos das escolas infantís de cero a tres anos da Axencia Galega de Servizos Sociais.

A CIG presentara conflito colectivo ante o TSXG polas suspensións de contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís, tanto da Axencia (pendente de celebrar o 29 de xuño) como do Consorcio.

Unha vez celebrado, e gañado, o conflito do Consorcio, que declara nula esa cláusula contractual, a Consellaría de Política Social retira xa dos contratos a dita cláusula. As compañeiras, tanto da AGSS como do Consorcio, xa non poden ser suspendidas de contrato nos períodos vacacionais.

Nas escolas infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula:

“...3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución da/o traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.

4º) As persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”

Agora, as traballadoras e traballadores poden reclamar as cantidades económicas que deixaron de percibir no último ano e que lle regularicen as cotizacións da seguridade social dos últimos cinco anos.

Se estiveches nesta situación, ponte en contacto coa CIG !!

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...